venres, 17 de novembro de 2023

ENTREGÁRONSE OS PREMIOS DO II CONCURSO DE EPITAFIOS DO SAMAÍN

 

O pasado xoves, 16 de novembro, tivo lugar a entrega de premios do II Concurso de epitafios do Samaín, que volveu ter un enorme éxito despois da primeira edición celebrada o curso pasado.

Foron moitos e moi orixinais os traballos presentados e o xurado, constituído polo alumnado de 3º ESO, non o tivo nada doado.

O gañador do certame consistente  nun vale de cafetería, axenda para o ano 2024, un bolígrafo do Losada e un diploma acreditativo foi “ Pili, unha de tortilla” de Samuel Calviño Godoy 1º ESO B.

En 2º lugar recibe o premio de un vale de cafetería, libretiña para anotar ideas, un bolígrafo do Losada e un diploma acreditativo: “ Por fin deixei de fumar” de Manuel Rodríguez Rajoy 1º ESO A

En 3º lugar recibe o premio de un vale de cafetería, libretiña para anotar ideas, un bolígrafo do Losada e un diploma acreditativo: “ Torres Xemelgas. Aquí vén o avión” de Nerea Carrillo Fuentes 1º ESO B

Tamén recibiron mencións especiais os traballos de nove alumnos e alumnas que recibiron un bolígrafo do Losada e un vale de cafetaría

 



 


O LOSADA CELEBROU O DÍA DA CIENCIA EN GALEGO, UNHA VEZ MÁIS

 

Con motivo do día de San Alberto Magno, patrón das ciencias, este mércores 15 de novembro conmemoramos a semana da Ciencia en Galego no Losada. Esta celebración pretende poñer en valor o uso da nosa lingua no ámbito científico e contribúe a promover a investigación desenvolta na lingua propia de Galicia. As actividades estiveron organizadas polo EDLG do Losada e os departamentos de Física e Química e de Ciencias Naturais.

  Nuria Muíños, Antón Payno, Noa Díaz, Xián Agra, 
Iago Rey, Irene García, Uxía Seoane,Nerea Calviño, e Hugo Martínez

 Na primeira das actividades, un grupo de 9 alumnos e alumnas 1º de Bacharelato que cursa a materia de Física e Química realizou unha exposición de carácter científico, apoiándose en presentacións de diapositivas e maquetas realizadas por eles mesmos. Estivo destianada aos máis novos do centro, os seus compañeiros de 1º da ESO. A exposición tratou sobre os Premios Nobel, dándolle especial relevancia aos de Física e Química. Comezaron explicando qué son estes premios, por que se dan, cal é a remuneración que se lle da aos galardoados, que logros se teñen que conseguir para acadalos e cales foron os últimos en saír este mes de outubro relacionados coa ciencia. Para continuar, presentaron o Premio Nobel de Física de 2010, que foi para os descubridores do grafeno, un material composto por grafeno puro que ten aplicacións moi interesantes en electrónica como as novas baterías. Para rematar falaron sobre o Premio Nobel de Química deste 2023, o dos inventores dunha tecnoloxía moi innovadora en óptica. Trátase dos Quantum dots ou puntos cuánticos, unhas partículas de tamaño nanométrico que cambian de cor en función do seu tamaño e que ademais teñen diversas aplicacións en medicina, como a detección do cancro.


 Nuria Muíños, Noa Díaz, Xián Agra, 
Irene García, Uxía Seoane

A celebración completouse cunha sesión de videoconferencia cos CEIP do Foxo e CEIP de Figueiroa na que un grupo de alumnos e alumnas de 1º Bac da materia de Bioloxía e Xeoloxía fixo unha entretida exposición ao alumnado de 6º destes centros. Contáronlles como algúns “axentes” microscópicos producen enfermidades e como o noso corpo se defende delas, aproveitando para explicar quen descubriu o primeiro antibiótico. Insistiron no tipo de enfermidades coas que se poden usar antibióticos e con cales non, tema importante na educación científica da cidadanía. A sesión rematou con interesantes preguntas da rapazada sobre virus, bacterias e antibióticos. Esta segunda actividade iseríase, ademais, no proxecto VIDEOCONECTAD@S que levan adiante os Equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos da Estrada (Dinamizaestrada)

PODES VER MÁIS FOTOS AQUÍ

 

mércores, 1 de novembro de 2023

O SAMAÍN 2023. FRASES E EPITAFIOS QUE METEN MEDO

 

O EDLG e a Biblioteca propuxeron un Samaín terrorífico con iniciativas orixinais e con moita participación. 

 Na Biblioteca instalouse unha mesa coa mellor literatura de terror e tamén cos fermosos cartóns do samaín que como todos os anos chegaron do EDLG do CEIP de Figueiroa.

Tamén se puxo en marcha unha nova edición do concurso de epitafios. Xa hai bastantes traballos presentados. Recorda que tes ata o venres 3 para achegar o teu. Anímate



 E por último, e por iniciativa de alumnado de 4º B, tivemos a ocasión de tirar fotos no PHOTOCALL DO  TERROR con OSIÑOS, escollendo a frase que máis medo dese. Habías moi orixinais. 


Se estiveches alí, podes ver e descargar a túa foto AQUÍ. Non a perdas!


luns, 25 de setembro de 2023

XA PODES CONSEGUIR O ALMANAQUE DO PRIMEIRO TRIMESTRE DO CURSO 2023-2024

 
Un curso máis o EDLG do Losada ofréceche unha ferramenta útil para organizáreste mellor: o almanaque mensual

Nesta edición, cada mes está dedicado a unha escritora da literatura galega contemporánea, e aínda quedou sitio para incluír un refrán do mes.

Comezamos con Antía Otero, Begoña Caamaño, Andrea Maceiras e María Solar

Xa está nas aulas, pero aquí, podes descargar e imprimir o teu almanaque:
 

Almanaque EDLG-Losada 23-24... by elogolosada

venres, 23 de xuño de 2023

O EDLG LOSADA PARTICIPA NUNHA NOVA EDICIÓN DO DINAMIZA TV

Por segundo curso consecutivo, o EDLG Losada participou no proxecto Dinamiza TV promovido polo Concello da Estrada e contando coa colaboración dos Equipos de dinamización da lingua galega dos centros da Estrada, DINAMIZAESTRADA.

Nesta ocasión o alumnado de 3º ESO realizou un estupendo traballo na creación de contidos para o informativo. Iker Recio Matalobos e Loli Porto Arca desenvolveron un brillante papel como presentador e presentadora do noticiario.

Non agardes máis para velo:

mércores, 21 de xuño de 2023

A REVISTA DO EDLG LOSADA 2023

Desde este luns xa circula de man en man a nosa publicación. Moitas páxinas con artigos, entrevistas, reportaxes, ilustración, creación, unha fermosa capa a toda cor con ilustracións de Lara Rey Rosende e Iker Recio Matalobos, de 3º ESO.

Podes descargar a revista a toda cor aquí:

Revista Elogho? 2023 by elogolosada

AVELAÍÑAS TEATRO PRESENTOU O SEU MADE IN LOSADA

Un total de cinco funcións en menos de unha semana. Así foi a posta en escena de MADE IN LOSADA, creación da Aula de Teatro Avelaíñas do Losada baseada en Made in Galiza de Séchu Sende.

O pasado xoves, 8 de xuño, a aula de teatro, Avelaíñas, do Losada, desprazouse ao IES Salvaterra de Miño para poñer en escena MADE IN LOSADA, creación teatral inspirada en textos de Made in Galiza de Sechu Sende. O grupo realizou unha magnífica representación para alumnado de 1º e 3º ESO. Ademais, despois de seren agasallados cun refrixerio, visitaron as instalacións do centro e tamén algúns lugares da vila de Salvaterra e Monçao. Un día moi emocionante, e moi ben aproveitado.



E entre o martes13 e o mércores14, 4 representacións para o alumnado do Losada de 1º, 2º, 3º e 4º ESO, para 2º ESO do Ies Numeroun, para 6º de primaria do CEIP Figueiroa e para familias, profesorado e público en xeral. Colleitaron moitos aplausos e felicitacións por un traballo ben feito.
Parabéns unha vez máis.




E xa podes ver e gozar con Made in Losada:

OS PREMIADOS E PREMIADAS DO LOSADA NA X FESTA DAS PALABRAS

A noite do martes 6 de xuño foi especial. O Teatro Principal da Estrada ateigouse de xente para aplaudir aos gañadores e gañadoras da X Festa das Palabras #DINAMIZAESTRADA. E claro, alí estiveron os nosos rapaces e rapazas recollendo o seu premio: Gabriel Marín Sinde, Carla Álvarez Fontenla, Ainhoa Fuentes Castro, Noel Ramos Caramés, Yara Fuentes Mosteiro e Noelia Ferreiro Porto. Moitos parabéns a todos e a todas, e tamén a Dinamizaestrada por esta festa tan ben organizada.

 



sábado, 3 de xuño de 2023

O LOSADA PARTICIPARÁ NA X FESTA DAS PALABRAS DINAMIZAESTRADA

 Foi presentada a X edición da Festa das palabras por parte dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, DINAMIZAESTRADA.

A Festa, que chega á décima edición neste curso terá lugar no Teatro Principal da Estrada o vindeiro martes 6 de xuño ás 20 horas. Na mesma entregaranse os premios do Concurso de micropoemas e microrrelatos desta edición.

Charo Golmar, escritora lalinense será a madriña da festa, e dirixirase aos rapaces e rapazas e público asistente o próximo martes.O grupo de música Proxecto Valladares, porá a nota musical ao evento que será presentado por rapaces do IES Nº 1.

No acto entregaranse os premios aos 62 rapaces e rapazas gañadoras nas diferentes categorías, que consistirá nun caravel branco e nun exemplar do libro editado cos traballos vencedores. O deseño da portada e da cartelería da festa foi realizado pola deseñadora estradense Rosa de Cabanas.
Como non, recibirán os seus premios os gañadores e gañadoras do Losada.
 
Gabriel Marín Sinde, Carla Álvarez Fontenla,  Ainoha Fuentes Castro, 
Noel Ramos Caramés, Yara Fuentes Mosteiro e Noelia Ferreiro Porto

A presentación da festa na prensa:

La Voz de Galicia

Faro de Vigo

venres, 2 de xuño de 2023

ASÍ FOI A PARTICIPACIÓN DO EDLG LOSADA NO CORRELINGUA 2023

Percorremos as rúas da Estradas botando a lingua fóra. O LOSADA FALANDO, A LINGUA VOANDO foi o lema escollido polo alumnado de 3º ESO do Losada que participou o mércores 31 de maio no Correlingua. Alegría, bo humor e participación moi activa no evento. Luciron con orgullo os autocolantes deseñados por Lara Rey. Bailaron ao ritmo da Mekánika Rolling Band e ceibaron o globo facendo piña pola lingua. Enma e Pablo subiron ao palco a recoller os agasallos. 

Podes ver ás mellores fotos da participación do Losada no Correlingua picando nesta imaxe:



martes, 30 de maio de 2023

O EDLG LOSADA PARTICIPARÁ NO CORRELINGUA 2023

 Se o tempo non o impide, o alumnado de 3º de ESO do IES Plurilingüe Antón Losasda Diéguez participará o vindeiro mércores, 31 de maio no Correlingua que neste ano chega á 23ª edición. 

O alumnado de 3º participou activamente a súa participación na festa da lingua galega coa elaboración dun autocolante deseñado por Lara Rey Rosende e a realización dunha pancarta baseada no mesmo.


A programación do Correlingua 2023 é a seguinte:
11:00h. Saúdo e presentación a cargo de Isabel Risco

11:10h Saída do CORRELINGUA

11:30h. CHEGADA DO CORRELINGUA (Pequenos)

11:50h. CHEGADA DO CORRELINGUA (Maiores)

12:15h. LECTURA DO MANIFESTO

12:20h. Actuación do grupo Mekánika Rolling Band

12:50h. Solta final de globos e remate do acto.

martes, 9 de maio de 2023

LETRAS GALEGAS 2023. CONCURSO FOTOGRÁFICO "AS PALABRAS DE D. PACO"

O EDLG Losada convoca, un ano máis, un concurso fotografico arredor do escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas, nesta ocasión adicado a Francisco Fernández del Riego. 

Se estás interesado/a en participar debes enviar unha fotografía da túa autoría ao correo ler.nolosada@gmail.com co teu nome, apelidos e curso indicando a cor ou número do texto no que estea baseada a túa foto. Estes son os textos nos que te podes inspirar:


 O prazo remata o propio 17 de maio. Os traballos finalistas exporanse no corredor da biblioteca e en días posteriores farase público o traballo gañador. Está atento/a!!!

luns, 10 de abril de 2023

VIDEOCONECTAD@S CO CEIP DO FOXO

Dentro das actividades promovidas por DINAMIZAESTRADA,   que agrupa aos EDLG dos centros educativos da Estrada, participamos un ano máis no ciclo de videoconferencias interactivas cos centros de primaria. Nesta ocasión, tivemos a sorte de asistir á magnífica presentación realizada por un grupo de alumnos e alumnas de 6º do CEIP do Foxo baixo o título A ESTRADA ROMÁNICA. O alumnado de 3º ESO, atendeu con interese á charla e mesmo realizou varias preguntas que foron puntualmente respondidas polos relatores e relatoras. A actividade realizouse o pasado 29 de marzo.


ENTREGA DE AGASALLOS DO CONCURSO SOBRE A EXPOSICIÓN CANTÁMOLA EN GALEGO

O pasado 30 de marzo o EDLG Losada fixo a entrega dos agasallos para os gañadores e gañadoras do concurso sobre a exposición CANTÁmola EN GALEGO do Concello de Pontevedra Un concorrido sorteo de 3 fermosas pezas de Casal de Creación deseñadas para a ocasión. Parabéns ás gañadoras!!!







 

domingo, 19 de marzo de 2023

A EXPOSICIÓN "cantáMOLA EN GALEGO" NO LOSADA

Ata o martes 28 de marzo poderemos desfrutar no noso centro dunha das exposicións máis exitosas destes últimos anos. Trátase da mostra sobre música galega do século XXI "cantáMOLA EN GALEGO", que fai un interesante percorrido polos grupos e tendencias musicais das dúas primeiras décadas do milenio. A exposición foi realizada polo Servizo de normalización lingüística, A lingua Latexa, do Concello de Pontevedra. Podes consultar información nesta páxina 

 
Imaxe da expo no corredor da Biblio. Ata o 28 de marzo

A unidade didáctica pode descargarse AQUÍ. Tamén se creu unha listaxe de reprodución en SPOTIFY e outra de vídeos das cancións en YOUTUBE

Ademais de gozares coa expo e todos os materiais, o EDLG Losada preparou un concurso no que podes participar e gañar premios.


domingo, 12 de marzo de 2023

ENTREGA DE DIPLOMAS CONCURSOS LITERARIOS DINAMIZAESTRADA 2023

O pasado 10 de marzo na Biblioteca do Losada foron entregados os diplomas dos finalistas e gañadores e gañadoras do Concurso de Microrrelatos e Micropoemas do noso centro. 

Foron:

MODALIDADE: MICROPOEMAS
PALABRA ESCOLLIDA: ESPELLO

CATEGORÍA B1, 1º E 2º ESO
Finalistas:
NEREA CAMPOS RODRÍGUEZ, 2º ESO
ALEJANDRA VEGA EIRAS, 2º ESO
Gañadora:
CARLA ÁLVAREZ FONTENLA, 2º ESO

CATEGORÍA B2, 3º E 4º ESO
Finalistas:
UXIA VILARIÑO NOVIO, 4º ESO
SONIA RÍOS CORES, 3º ESO
Gañadora:
NOELIA FERREIRO PORTO, 4º ESO

CATEGORÍA C,  BACHARELATO E CICLOS
Finalistas:
NOA TOSAR ROCAMONDE, 1 BAC
SARA RIBADAVIA FERRO, 1 BAC
Gañadora
YARA FUENTES MOSTEIRO  1 BAC

MODALIDADE: MICRORRELATOS
PALABRA ESCOLLIDA: CAMIÑO

CATEGORÍA B1, 1º E 2º ESO
Finalistas:
LORENA BALADO GAMALLO, 1º ESO
LÍA TATO MATALOBOS, 1º ESO
Gañadora:
AINOHA FUENTES CASTRO, 1º ESO

CATEGORÍA B2, 3º E 4º ESO

Finalistas
LARA REY ROSENDE 3º ESO
CARLA IGLESIAS BLANCO, 4º ESO
Gañador:
NOEL RAMOS CARAMÉS, 3º ESO A 

CATEGORÍA C,  BACHARELATO E CICLOS
Finalistas:
PAULA PUENTE FERNÁNDEZ  1 BAC
DARÍO BLANCO RUZO  1 BAC
Gañador:
GABRIEL MARÍN SINDE, 1º BAC

Podes ver todas as fotos da entrega picando na imaxe:

Podes consultar a acta do xurado AQUÍ