Con motivo do día de San Alberto Magno, patrón das ciencias, este
mércores 15 de novembro conmemoramos a semana da Ciencia en Galego no
Losada. Esta celebración pretende poñer en valor o uso da nosa lingua no
ámbito científico e contribúe a promover a investigación desenvolta na
lingua propia de Galicia. As actividades estiveron organizadas polo EDLG
do Losada e os departamentos de Física e Química e de Ciencias Naturais.
Nuria Muíños, Antón Payno, Noa Díaz, Xián Agra,
Iago Rey, Irene García, Uxía Seoane,Nerea Calviño, e Hugo Martínez
Na primeira das actividades, un grupo de 9 alumnos e alumnas 1º de
Bacharelato que cursa a materia de Física e Química realizou unha
exposición de carácter científico, apoiándose en presentacións de
diapositivas e maquetas realizadas por eles mesmos. Estivo destianada
aos máis novos do centro, os seus compañeiros de 1º da ESO. A exposición
tratou sobre os Premios Nobel, dándolle especial relevancia aos de
Física e Química. Comezaron explicando qué son estes premios, por que se
dan, cal é a remuneración que se lle da aos galardoados, que logros se
teñen que conseguir para acadalos e cales foron os últimos en saír este
mes de outubro relacionados coa ciencia. Para continuar, presentaron o
Premio Nobel de Física de 2010, que foi para os descubridores do
grafeno, un material composto por grafeno puro que ten aplicacións moi
interesantes en electrónica como as novas baterías. Para rematar falaron
sobre o Premio Nobel de Química deste 2023, o dos inventores dunha
tecnoloxía moi innovadora en óptica. Trátase dos Quantum dots ou puntos
cuánticos, unhas partículas de tamaño nanométrico que cambian de cor en
función do seu tamaño e que ademais teñen diversas aplicacións en
medicina, como a detección do cancro.
Nuria Muíños, Noa Díaz, Xián Agra,
Irene García, Uxía Seoane
A celebración completouse cunha sesión de videoconferencia cos CEIP do
Foxo e CEIP de Figueiroa na que un grupo de alumnos e alumnas de 1º Bac
da materia de Bioloxía e Xeoloxía fixo unha entretida exposición ao
alumnado de 6º destes centros. Contáronlles como algúns “axentes”
microscópicos producen enfermidades e como o noso corpo se defende
delas, aproveitando para explicar quen descubriu o primeiro antibiótico.
Insistiron no tipo de enfermidades coas que se poden usar antibióticos e
con cales non, tema importante na educación científica da cidadanía. A
sesión rematou con interesantes preguntas da rapazada sobre virus,
bacterias e antibióticos. Esta segunda actividade iseríase, ademais, no
proxecto VIDEOCONECTAD@S que levan adiante os Equipos de
dinamización da lingua galega dos centros educativos da Estrada
(Dinamizaestrada)
PODES VER MÁIS FOTOS AQUÍ