mércores, 30 de decembro de 2020

VISITA VIRTUAL Á EXPOSICIÓN GALICIA, DE NÓS A NÓS

 
 
O alumnado de 2º Bacharelato do Losada tivo a ocasión de facer unha visita virtual, ao non ser posible facelo de xeito presencial na Cidade da Cultura de Galicia, á mostra Galicia, de Nós a nós. Un magnífico percorrido por un dos momentos máis importantes da historia social e cultural do noso país no século XX.

A actividade tivo lugar o xoves, 10 de decembro ás 10.00, para un grupo de alumnos/as, e venres 18 de decembro, ás 12.30 h, para o outro grupo.

Máis info sobre a mostra: GALICIA, DE NÓS A NÓS

 

mércores, 16 de decembro de 2020

NADAL 2020 EN GALEGO



Un ano máis o EDLG e a Biblioteca do Losada publican as súas propostas para escoitar e ler en galego este Nadal.
Podes descargar o cartel e imprimilo, se queres, aquí:

Un Nadal en Galego 2020 by elogolosada

mércores, 2 de decembro de 2020

SEGUIMOS A CELEBRAR O MES DA CIENCIA EN GALEGO NO LOSADA

 O pasado luns seguimos a celebrar a ciencia en galego. O alumnado de 4º ESO asistiu á videoconferencia programada para ese día a cargo do profesor e comunicador Xacobo de Toro. Unha interesantísima e entretida aproximación á realización e difusión de vídeos científicos. 

Tomamos nota para poder chegar a ser algún día youtubeir@s científic@s. 





venres, 20 de novembro de 2020

Mostra de ilustracións dos personaxes do SCÓRPIO no Losada, por Rosa de Cabanas

Letras Galegas 2020 no Losada

A deseñadora estradense, Rosa de Cabanas, expón as súas ilustracións de Scorpio, de Carvalho Calero no IES Losada Diéguez.

Desde hai uns días e ata a finais da semana que ven, o remozado corredor da biblioteca do Losada acolle a mostra de ilustracións realizada pola deseñadora ouzandesa. A mesma componse de 34 ilustracións centradas nos 34 personaxes que constitúen as voces narrativas da novela do autor ferrolán, homenaxeado neste atípico ano das Letras Galegas. A orixe do proxecto da ilustradora tivo lugar no traballo realizado para a Através editora que realizou unha edición especial para este ano das Letras.

A mostra completouse coa visita que a autora realizou hoxe ao centro, para explicar ao alumnado de 2º de Bacharelato, lector da novela, os pormenores e segredos do seu traballo ilustrador.

A actividade estivo organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua galega e pola biblioteca do centro.

Aí quedan algunhas imaxes:






xoves, 19 de novembro de 2020

Celebramos o Mes da ciencia en galego no Losada. (I)

 O pasado luns, 16 de novembro, celebramos a primeira actividade de celebración do Mes da ciencia en galego. O alumnado de 1º Bacharelato participou na videoconferencia da prestixiosa neurocientífica galega, Sonia Villapol, que nos falou desde o seu centro de traballo en Houston de que "Só a ciencia nos rescatará da pandemia". Magnífica charla que foi seguida con moita atención por todo o alumnado.

A científica galega forma parte do Equipo de Investigación Internacional da COVID-19.

Aí quedan algunhas imaxes do evento nas aulas de 1º BAC, así como o vídeo da charla.






domingo, 15 de novembro de 2020

O tapiz de Rosalía no Losada

 Xa loce no vestíbulo do noso centro o fermoso tapiz de Rosalía, realizado polas mulleres do Colectivo Feminista  Deza-Tabeirós que deciciu homenaxear á nosa escritora deste xeito tan orixinal.

Utilizaron técnicas como o gancho, calceta, bordado, patchwork ou debuxo. Trataron de reflectir todo o univeros de Rosalía: as paisaxes, as viúvas de vivos e mortos, o feminismo, a xustiza pola man, a xanela que pediu abrir para ver o mar na hora da súa morte e mesmo chegaron ao firmamento colocando a estrela co seu nome.

O traballo está sendo visitado polos diferentes grupos do centro e conta como guía á nosa alumna de 2º de Bacharelato, Andrea Mosteiro Sanxiao. (Traballo de Andrea sobre o tapiz)

A actividade faise en coordinación cos EDLG dos centros educativos da Estrada (Dinamizaestrada)






domingo, 4 de outubro de 2020

Benvido curso 2020-21. Xa está aquí o calendario do primeiro trimestre.

Un curso máis o EDL do Losada ofréceche unha ferramenta útil para organizáreste mellor: o calendario mensual, que nesta edición recolle unha personaxe da nosa cultura, cunha cita da mesma,  e as datas máis sinaladas e celebracións do mes. Comezamos cos meses do primeiro trimestre: outubro, novembro e decembro.

Este trimestre os contidos do almanaque foron escollidos por Andrea Mosteiro Sanxiao, compoñende do EDL e estudante de 2º Bacharelato

 
 Podes descargar e imprimir o teu almanaque no seguinte enlace:

 

domingo, 10 de maio de 2020

Letras galegas 2020




Aínda que seguimos nas nosas casas, e aínda que as autoridades decidiron adiar o vindeiro 31 de outubro a celebración das Letras Galegas 2020, dedicadas a Ricardo Carvalho Calero, no Losada non imos deixar pasar esta semana sen propoñer actividade sobre as nosas letras.
Aí queda una fermosa presentación interactiva, realizada pola profe de lingua galega Alexandra Pacheco. Poderás aprender e coñecer mellor ao escritor a quen homenaxeamos este ano.

PODES CONSULTAR E DESCARGAR A PRESENTACIÓN AQUÍ:


Proclámaronse os gañadores e gañadores do concurso DINAMIZAESTRADA 2020



O pasado 12 de marzo entregamos na Biblioteca do Losada os diplomas dos finalistas e gañadores e gañadoras do Concurso de Microrrelatos e Micropoemas do noso centro. Estes foron os premiados:


MICRORRELATOS
PALABRA ESCOLLIDA: AMIGO

Categoría 1º e 2º ESO

Finalistas:
Nuria Muiños Míguez  1º ESO
Jennifer Bonet Oubiña 1º ESO

Gañadora:
Uxía Docampo Magariños 2º ESO


Categoría 3º e 4º ESO

Finalistas: 
Nuria García Ruibal, 3º ESO
Vanesa Agra Manzano, 4º ESO

Gañadora:
Eva Cobas Iglesias


Categoría  Bacharelato e Ciclos

Finalistas
María Brey Buján   1º BAC
Lois Nodar Corral  2º BAC

Gañadora:
Laura Silva Picallo, 2º BAC


MICRO POEMAS
PALABRA ESCOLLIDA: CABELO

Categoría 1º e 2º ESO

Finalistas:
Carmen Ruibal Picáns,  2º ESO
Tania Torres Figueiras 1º ESO

Gañadora:

Claudia Teixeira Barros, 2º ESO


Categoría 3º e 4º ESO

Finalistas:
Noa Míguez Regueira, 3º ESO 
Alba Lorenzo Muiños, 3º ESO

Gañadora:
Vanessa Agra Manzano, 4º ESO


Categoría  Bacharelato e Ciclos

Finalistas:
Andrea Mosteiro Sangiao,  1º BAC
Julio Tarrío Reboredo,   2º BAC

Gañadora:

Carla Villaverde Núñez 1º BAC

En hora boa a tod@s!

Ademais, fíxose pública a acta do xurado do VII Concurso de micropoemas e microrrelatos dos Centros de Ensino da Estrada, no que participan os EDLG do CEIP Pérez Viondi, o CEIP Villar Paramá, CEIP Pérez Viondi, CEIP Cabada Vázquez, CPR Plurilingüe N. Sra. de Lourdes, CEIP Plurilingüe de Oca, CEIP do Foxo, CEIP de Figueiroa, IES Nº 1, IES Manuel García Barros e IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez. Podes consultar a acta e coñecer todos os gañadores e gañadoras en DinamizaEstrada.

Así celebramos a Rosalía nos IES estradenses

O DÍA DE ROSALÍA CELEBROUSE CONXUNTAMENTE ENTRE OS TRES IES ESTRADENSES

O pasado 9 de marzo os tres centros de secundaria da Estrada celebraron, por treceiro ano consecutivo,  o Día de Rosalía de xeito conxunto. Con algúns días de atraso, por motivos organizativos, o IES Nª 1, o IES García Barros e o IES Plurilingüe Losada Diéguez propuxeron un acto poético e musical na honra da escritora representante das letras galegas. Despois do encontro celebrado o ano pasado no Nº 1, nesta ocasión as instalacións do Manuel García acolleron as diversas propostas preparadas polos tres centros educativos. Foron desfilando polo escenario os alumnos e alumnas que interpretaron diferentes  poemas da autora, combinando o recitado con diversas propostas musicais.
O acto comezou cunha introdución musical a cargo do alumnado de música do IES García Barros. A seguir, o presentador e presentadora do acto, despois de recordar que Rosalía cumpre 183 anos e que a súa palabra se espallou en forma de diferentes músicas por todo o mundo, foron introducindo as diferentes actuacións poéticas e musicais, que foron as seguintes:


IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez: Andrea Mosteiro Sanxiao de 1º de Bac., e Daniel Canicoba Cerviño de 3º ESO, fixeron un magnífico recitado do poema rosaliano, dedicado á emigración: "Prá Habana" e de  “Nacín cando as prantas nacen”.




 IES Nº 1: Interprentaron unha orixinal versión do poema Castellanos de Castilla, inspirado na creación da cantaoutora galega MJ Pérez (peza Malaxente), baseada á súa vez na melodía da famosa cantante Rosalía (peza: Malamente) .


IES Manuel García Barros: O alumnado centro anfitrión interpretou dúas fermosas e orixinais versións dos poemas Negra Sombra e Adios ríos...
O obxectivo desta actividade xira arredor da idea de salientar o papel que tivo, e segue a ter, a obra da autora padronesa de cara a dignificación e extensión do uso do galego. Mantendo a súa palabra, actualizamos a súa transmisión a través de formas diferentes de comunicación, co valor engadido da realización dunha actividade preparada de xeito colaborativo.
A actividade foi promovida e coordinada polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, contando coa colaboración dos Departamentos de Música e de Lingua Galega dos centros.
A actividade tamén se integra dentro da programación anual do Equipos de Dinamización da Lingua galega dos centros educativos da Estrada (Dinamizaestrada), neste caso os de secundaria.

sábado, 18 de abril de 2020

O CALENDARIO DO 3º TRIMESTRE

Aínda que nestes momentos non esteamos en clases no instituto por causa da COVID-19, ofrecémosche igualmente o noso almanaque anual. Para organizáreste un pouco mellor e para aprender.
Xa podes consultar o calendario do 3º trimestre elaborado polo EDL. Nos meses de abril, maio e xuño recóllense refráns, datos e efemérides dos mesmos. Colaborou na súa realización Andrea Mosteiro Sanxiao de 1º BAC.

Podes consultalo, descargalo ou imprimilo, aquí:



xoves, 13 de febreiro de 2020

A ciencia en galego, todo o ano.

Esta semana está a ser intensa na dinamización da ciencia no noso idioma. O martes 11, tivemos con nós á catedrática  en Química Analítica da USC, Marta Lores Aguín, que foi a encargada de impartir unha moi amena charla divulgativa arredor da presenza da muller no ámbito dos estudos e a investigación científica. Participou o alumnado de ciencias de 4º ESO, 1º e 2º Bacharelato do centro.




E o mércores 12, realizouse unha charla-coloquio , baixo o título de “A información meteorolóxica en galego”.
A relatora foi, nesta ocasión, a coñecida xornalista e informadora do tempo na TVG, Mabel Montes, que achegará ao alumnado do Losada información de como se realizan as previsións meteorolóxicas, que medios e instrumentos usan, como se interpretan os mapas e tempo e como nolo transmiten aos espectadores e espectadoras.
A sesión rematou cunha divertida posta en escena dun simulacro de telexornal no escenario do salón de usos múltiples no que participaron con moito xeito voluntarios e voluntarias do alumnado e profes tamén!






mércores, 12 de febreiro de 2020

GALEGO. Lingua de amor.

Un ano máis o galego é a lingua de amor no Losada. Nesta ocasión inspirounos o fermoso poema de Celso Emilio Ferreiro, "Xaneiro 1972", coñecido popularmente co título de "Moraima" do libro Onde o mundo se chama Celanova(1975).



Tamén fixemos un vídeo con algunha das moitas interpretacións musicais que diversos artistas fixeron deste fermoso poema.

E XA SABES, NESTES DÍAS DE AMOR. PODES DICIRLLO OU ESCRIBIRLLO EN GALEGO


xoves, 23 de xaneiro de 2020

O día de Castelao no Losada




Un ano máis a biblioteca do Losada Diéguez conmemora do Día de Castelao. 
Unha das actividades organizadas este curso foi unha exposición ” Castelao e A terra de Montes” que estará nos corredores do centro ata final de xaneiro.
O día 30 de xaneiro a biblioteca realizará un sorteo de catro libros de Retrincos  entre as persoas que cubran correctamente un cuestionario sobre a exposición. Ademais leranse algúns relatos de Cousas.

ANÍMATE E PARTICIPA NO CONCURSO!!!!

domingo, 19 de xaneiro de 2020

Concurso de micropoemas e microrrelatos DINAMIZAESTRADA 2020

Está en marcha a sétima edición do Concurso de microrelatos e micropoemas organizada por DINAMIZAESTRADA, Equipos de Dinamización Lingüística dos Centros Educativos da Estrada. 
Este ano as palabras escollidas foron: AMIGO, para os microrrelatos, e CABELO para os micropoemas, en homenaxe aos títulos do autor escollido para as Letras Galegas do 2020, Ricardo Carvalho Calero. 
Aquí podes ler, descargar, imprimir... as bases do certame. ANÍMATE E PARTICIPA!!!



martes, 7 de xaneiro de 2020

O calendario do 2º trimestre.

Xa podes consultar o calendario do 2º trimestre elaborado polo EDL. Nos meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril recóllense refráns, datos e efemérides dos mesmos. Colaboraron na súa realización Alba Lorenzo, Ricardo Santos e Marta Sinde de 3º ESO e Andrea Mosteiro de 1º BAC.


Podes consultalo, descargalo ou imprimilo aquí:


Que tal foron as lecturas do Nadal en Galego?

Xa viches por todo o centro os carteis anunciadores de obras literarias e musicais en galego. Escolliches algún para o Nadal. En realidade podes gozar delas todo o ano: