sábado, 31 de marzo de 2018

Encontro EDLs no CEIP Figueiroa.

O pasado 9 de marzo tivo lugar un encontro musical e poético organizado polos EDLG do CEIP Figueiroa e do IES Antón Losada Diéguez da Estrada. O Salón de Actos do cole de Figueiroa ateigouse de rapaces e rapazas que gozaron con interpretacións musicais e poéticas arredor da figura de Rosalía de Castro.
Comezou o alumno de 2º de Bacharelato do Losada, Ivan Calviño Soto, coa súa versión rapeada de Adiós ríos, adiós fontes, que causou furor entre a concorrencia. A seguir o coro de 1º de ESO do IES Antón Losada Diéguez fixo unha impecable interpretación do tema rosaliano dirixido pola profesora Chelo Millán.
O alumnado de Figueiroa convidounos a unha fermosa sesión poética no Bar Fenomenal, e o alumnado de infantil rematou o acto cunha fermosa coreografía a partir do tema Chea de vida, de Guadi Galego.




Picando na seguinte imaxe poderás ver as mellores fotos do evento:


https://photos.app.goo.gl/lMmPGB7b6x4KMkBR2

martes, 13 de marzo de 2018

#versosparanós O IES Antón Losada celebra o Día de Rosalía cantando

O 27 de febreiro foi o día escollido para celebrarmos a Rosalía. #versosparanós foi o título escollido para o evento que encheu o Salón de Actos do Losada de música e poesía. Participou o alumnado de 1º e 2º de ESO, así como o de 2º de Bacharelato, facendo diversas interpretacións musicais arredor da nosa escritora. Aí queda o vídeo realizado polo equipo de audiovisuais do EDL Losada.





As mellores fotos do evento, picando na imaxe:

https://photos.app.goo.gl/j2tHhOyYZlMqcZCy2

#abrimosafiestra Día de Rosalía. IES da Estrada.

O pasado 26 de xaneiro os tres IES da Estrada celebramos o Día de Rosalía de xeito conxunto. Foi un fermoso acto no Salón de Usos Múltiples do Losada, no que se xuntou a música, a palabra e a poesía de Rosalía.
Aí queda o vídeo realizado polo equipo de audiovisuais do EDL Losada. Foi un proxecto dos EDL do IES Manuel García Barros, IES Nº 1 e IES Antón Losada Diéguez


Tamén podes ver as mellores fotos do evento picando nesta imaxe:

https://photos.app.goo.gl/VcwZ73XizAXTtzy52

mércores, 7 de marzo de 2018

Certame de microrrelato da Escola Oficial de Idiomas





A EOI de Pontevedra celebra un certame de micro-relato o vindeiro martes 13 de marzo en colaboración co Concello de Pontevedra. 

 RELATOS: as persoas participantes deberán crear un texto literario de 150 palabras como máximo “in situ”, durante 2 h, a partir da “inspiración” que lles suxiran 3 palabras escollidas no momento de comezar a proba. PARTICIPANTES: Poderán participar no concurso todas as persoas que o desexen (sexan ou non alumnado da EOI de Pontevedra). PREMIOS:
1º premio: vale de 200€ para a compra de libros, CDs ou DVDs en galego
2º premio: vale de 150 € para a compra de libros, CDs ou DVDs en galego
3º premio: vale de 100€ para a compra de libros, CDs ou DVDs en galego
Ademais, o xurado resérvase a posibilidade de entregar dous accésits de 50€ cada un.


A sección da Estrada súmase á iniciativa de 19.30 a 21.30 na aula 109. 

ANÍMATE E PARTICIPA

BASES DO CONCURSO