venres, 30 de novembro de 2018

Aberto o prazo de presentación do VI Concurso de micropoemas e microrrelatos

Xa está aberto o prazo de presentacións de micropoemas e microrrelatos para o alumnado dos centros educativos da Estrada. Lembrade que poden participar todos os niveis educativos de primaria, secundaria e bacharelato. Os micropoemas e microrrelatos gañadores chegarán aos lectores nun libro conxunto, que se editará para a celebración da entrega de premios na habitual Festa das Palabras. Escribide e participade! O prazo remata o 22 de febreiro de 2019. Aquí tedes as bases.


sábado, 24 de novembro de 2018

25N: O Antón Losada, polo bo trato



Este venres 23 de novembro no IES Antón Losada quixemos que se nos escoitase, porque a violencia de xénero hai que parala. Co lema "Isto é bo trato" traballamos primeiro nas aulas o que convertemos despois nun acto reivindicativo. Comezamos no primeiro recreo coa interpretación de "Cor esperanza" do Coro do Losada, que tamén compartimos ao final da mañá cos compañeiros do IES Nº1. Na terceira hora lemos o manifesto "Isto é bo trato", elaborado polo alumnado de 1ºBacharelato B. Enchemos as escaleiras de boas ideas para bentratarnos. Seguiremos traballando aínda. Queda moito por facer para que todas poidamos vivir en liberdade, plenamente, con respecto. En igualdade. Iso é bo trato.


O sistema esquelético, para pechar o Mes da Ciencia


Pechamos o Mes da Ciencia en Galego coas charlas divulgativas sobre o sistema esquelético que preparou o alumnado de 1º de Bacharelato das materias de Bioloxía e Cultura Científica, para os compañeiros de 2º da ESO. E abofé que as prepararon a conCIENCIA: didácticos, comunicativos, concisos e cun vocabulario rico e ben coidado.



Aprendemos con eles unha morea de cousas sobre os nosos ósos e as articulacións. E mesmo nos ofreceron valiosos consellos para coidar a saúde do sistema que nos sustenta. Agora a aplicalos no día a día.


E para rematar a charla, expuxéronnos os experimentos que realizaron con ósos de polo, para que puidésemos ver de preto como se comportan os ósos cando se descalcifican. Vaia elasticidade!

 


mércores, 21 de novembro de 2018

Compartimos coñecemento matemático, naturalmente, en galego



Un grupo de alumnas e alumnos voluntarios de 1º de bacharelato convertéronse en profes por un día, para lles explicar aos compañeiros máis novos, de 2º da ESO, algunhas curiosidades relacionadas coas matemáticas. Baixo o título de Isto son matemáticas prepararon unha estupenda sesión de xeometría, maxia e números cos que sorprender os compañeiros. No IES Antón Losada, tamén no Mes da Ciencia, compartimos lingua e coñecementos.




venres, 16 de novembro de 2018

Arredor de Domingo Fontán


O profesor Víctor Pollán Fernández visitounos esta semana, con motivo do Mes da Ciencia en Galego no Losada Diéguez, para achegarnos as innovacións científicas de Domingo Fontán, autor do primeiro mapa físico rigoroso da xeografía galega, no século XIX. Unha charla entretida e interesante para o alumnado de 3º da ESO e de bacharelato.


venres, 9 de novembro de 2018

A derradeira leición do mestre


Esta semana, co alumnado de 3º ESO, visitamos a exposición Castelao maxistral, unha oportunidade para coñecermos máis o sentido da obra de Castelao e para afondarmos no coñecemento da nosa historia recente.


E, como non lle temos medo á chuvia, completamos a mañá cun roteiro pola cidade vella compostelá, para descubrirmos as antigas portas da muralla, seguindo as páxinas da nosa lectura deste trimestre, Once portas, de Héctor Cajaraville. Coma pitos, pero completamos todas as pistas formuladas sobre o plano da cidade. Bo traballo, rapaces!



luns, 5 de novembro de 2018

Con moita ciencia


Comezamos o mes con moita ciencia. O xenetista Ángel Carracedo foi o encargado de abrir a programación deste ano, co relatorio Pescando xens, que promoveron as bibliotecas dos institutos da Estrada. O alumnado de 4º da ESO e de bacharelato do Losada Diéguez tivo a oportunidade de escoitalo, e un equipo de redactores da nosa revista E logho aínda a de entrevistalo e descubrir este persoeiro cheo de coñecemento, de amabilidade e  de vocación de compartir.


E esta mañá foi a quenda do profesor José Benito Vázquez Dorrío, que se achegou ao Losada Diéguez para falar das interferencias luminosas. Esta sesión científica organizouna o departamento de Física e Química. Entre todas e todos, enchemos de ciencia, en galego, este mes e o curso enteiro.

venres, 2 de novembro de 2018

Mes da Ciencia en Galego no Losada


 
Novembro é o Mes da Ciencia en Galego e, desde distintos departamentos (Bioloxía, Física e Química, Matemáticas) en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega e da Biblioteca do centro, estase a traballar nun conxunto de actividades cos que queremos fomentar a divulgación científica en galego.
Comezamos esta programación coa charla do prestixioso xenetista Ángel Carracedo, na Academia Galega de Seguridade Pública, organizada polas bibliotecas dos institutos da Estrada. O día 5 teremos a visita de Benito V. Dorrío para falarnos de interferencias lumínicas, organizada polo Dpto. de Física e Química. Seguiremos a programación no noso propio centro, con charlas preparadas pola alumnado de bacharelato para os primeiros cursos da ESO sobre anatomía e matemáticas, organizadas polos departamentos de Bioloxía e Matemáticas.

Ao longo deste mes trataremos de dar a coñecer tamén entre o alumnado a figura de Domingo Fontán, a quen se lle dedica este ano o Día da Ciencia en Galicia. Estes son algúns enlaces de interese:
 
Unidade didáctica sobre Fontán: http://acienciaengalicia18.gciencia.com/domingo-fontan-biografia/

Información ampla sobre a súa vida e obra: https://cartaxeometrica.blogspot.com/2018/10/recursos-sobre-domingo-fontan.html

E os materiais reunidos polo CEIP de Portas que leva o nome de Fontán:
 
Compartimos lingua, compartimos coñecemento!