venres, 23 de xuño de 2023

O EDLG LOSADA PARTICIPA NUNHA NOVA EDICIÓN DO DINAMIZA TV

Por segundo curso consecutivo, o EDLG Losada participou no proxecto Dinamiza TV promovido polo Concello da Estrada e contando coa colaboración dos Equipos de dinamización da lingua galega dos centros da Estrada, DINAMIZAESTRADA.

Nesta ocasión o alumnado de 3º ESO realizou un estupendo traballo na creación de contidos para o informativo. Iker Recio Matalobos e Loli Porto Arca desenvolveron un brillante papel como presentador e presentadora do noticiario.

Non agardes máis para velo:

mércores, 21 de xuño de 2023

A REVISTA DO EDLG LOSADA 2023

Desde este luns xa circula de man en man a nosa publicación. Moitas páxinas con artigos, entrevistas, reportaxes, ilustración, creación, unha fermosa capa a toda cor con ilustracións de Lara Rey Rosende e Iker Recio Matalobos, de 3º ESO.

Podes descargar a revista a toda cor aquí:

Revista Elogho? 2023 by elogolosada

AVELAÍÑAS TEATRO PRESENTOU O SEU MADE IN LOSADA

Un total de cinco funcións en menos de unha semana. Así foi a posta en escena de MADE IN LOSADA, creación da Aula de Teatro Avelaíñas do Losada baseada en Made in Galiza de Séchu Sende.

O pasado xoves, 8 de xuño, a aula de teatro, Avelaíñas, do Losada, desprazouse ao IES Salvaterra de Miño para poñer en escena MADE IN LOSADA, creación teatral inspirada en textos de Made in Galiza de Sechu Sende. O grupo realizou unha magnífica representación para alumnado de 1º e 3º ESO. Ademais, despois de seren agasallados cun refrixerio, visitaron as instalacións do centro e tamén algúns lugares da vila de Salvaterra e Monçao. Un día moi emocionante, e moi ben aproveitado.



E entre o martes13 e o mércores14, 4 representacións para o alumnado do Losada de 1º, 2º, 3º e 4º ESO, para 2º ESO do Ies Numeroun, para 6º de primaria do CEIP Figueiroa e para familias, profesorado e público en xeral. Colleitaron moitos aplausos e felicitacións por un traballo ben feito.
Parabéns unha vez máis.




E xa podes ver e gozar con Made in Losada:

OS PREMIADOS E PREMIADAS DO LOSADA NA X FESTA DAS PALABRAS

A noite do martes 6 de xuño foi especial. O Teatro Principal da Estrada ateigouse de xente para aplaudir aos gañadores e gañadoras da X Festa das Palabras #DINAMIZAESTRADA. E claro, alí estiveron os nosos rapaces e rapazas recollendo o seu premio: Gabriel Marín Sinde, Carla Álvarez Fontenla, Ainhoa Fuentes Castro, Noel Ramos Caramés, Yara Fuentes Mosteiro e Noelia Ferreiro Porto. Moitos parabéns a todos e a todas, e tamén a Dinamizaestrada por esta festa tan ben organizada.

 



sábado, 3 de xuño de 2023

O LOSADA PARTICIPARÁ NA X FESTA DAS PALABRAS DINAMIZAESTRADA

 Foi presentada a X edición da Festa das palabras por parte dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, DINAMIZAESTRADA.

A Festa, que chega á décima edición neste curso terá lugar no Teatro Principal da Estrada o vindeiro martes 6 de xuño ás 20 horas. Na mesma entregaranse os premios do Concurso de micropoemas e microrrelatos desta edición.

Charo Golmar, escritora lalinense será a madriña da festa, e dirixirase aos rapaces e rapazas e público asistente o próximo martes.O grupo de música Proxecto Valladares, porá a nota musical ao evento que será presentado por rapaces do IES Nº 1.

No acto entregaranse os premios aos 62 rapaces e rapazas gañadoras nas diferentes categorías, que consistirá nun caravel branco e nun exemplar do libro editado cos traballos vencedores. O deseño da portada e da cartelería da festa foi realizado pola deseñadora estradense Rosa de Cabanas.
Como non, recibirán os seus premios os gañadores e gañadoras do Losada.
 
Gabriel Marín Sinde, Carla Álvarez Fontenla,  Ainoha Fuentes Castro, 
Noel Ramos Caramés, Yara Fuentes Mosteiro e Noelia Ferreiro Porto

A presentación da festa na prensa:

La Voz de Galicia

Faro de Vigo

venres, 2 de xuño de 2023

ASÍ FOI A PARTICIPACIÓN DO EDLG LOSADA NO CORRELINGUA 2023

Percorremos as rúas da Estradas botando a lingua fóra. O LOSADA FALANDO, A LINGUA VOANDO foi o lema escollido polo alumnado de 3º ESO do Losada que participou o mércores 31 de maio no Correlingua. Alegría, bo humor e participación moi activa no evento. Luciron con orgullo os autocolantes deseñados por Lara Rey. Bailaron ao ritmo da Mekánika Rolling Band e ceibaron o globo facendo piña pola lingua. Enma e Pablo subiron ao palco a recoller os agasallos. 

Podes ver ás mellores fotos da participación do Losada no Correlingua picando nesta imaxe: