elogho! Blogue do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Antón Losada Diéguez da Estrada
venres, 18 de xaneiro de 2019
Últimas entradas! Últimas entradas!
A aula de teatro do IES Antón Losada Diéguez, Avelaíñas Teatro, o día 27 no Teatro Principal da Estrada, conseguirá que subades ao barco da fantasía vogando nos contos a través de numerosas escenas independentes unhas das outras pero todas fiadas pola imaxinacion e o xogo. Coñeceremos uns marabillosos reloxos con plumas, gozaremos dunha marabillosa lectura subxugante dun misterioso libro máxico e mesmo asistiremos ao roubo da lúa ladroa...
Estas e outras moitas historias espéranvos no Teatro Principal o día 27 de xaneiro. Non o perdades!
xoves, 17 de xaneiro de 2019
Nos versos de Avelina Valladares
Avelina Valladares, nacida en Vilancosta, na Estrada, no 1825 e finada en 1902, foi unha das primeiras mulleres que publicou artigos de opinión na prensa escrita. Tamén quixo cultivar a poesía en galego, e na nosa lingua atreveuse, naquel tempo, a escribir algúns dos seus poemas. Claro que este aprecio e interese na lingua propia era compartido na casa de Vilancosta. Seu irmán máis vello, Marcial Valladares, foi autor do Diccionario gallego-castellano, do 1884.
De Avelina Valladares e das mulleres pioneiras no seu tempo veunos falar ao IES Losada Diéguez esta semana Isabel Rei Samartim, afondando nelas desde a intensa relación coa música que gardaron estas mulleres. O alumnado de 4º da ESO recitou os versos da poeta estradense, aínda pouco coñecidos mesmo entre nós. Unha interesante sesión programada desde a Biblioteca do Centro en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega.
luns, 14 de xaneiro de 2019
Microrrelatos e micropoemas no forno
Esperamos que nas próximas semanas se vaia cocendo unha boa fornada de microrrelatos e de micropoemas para o concurso deste ano. Aquí vos deixamos de novo as bases. Lembrade que podedes participar ata o 22 de febreiro.
luns, 7 de xaneiro de 2019
Abur, Reis Magos! Benvido, 2º trimestre!
Alá vai o Nadal. Que logo acaban as festas! Pero comezamos o segundo trimestre con ánimo, que hai que estrear ben o ano novo. Sen poñernos moitos propósitos, non está mal que vaiamos planificando as nosas tarefas.
Subscribirse a:
Publicacións
(
Atom
)