Na primeira das actividades, un grupo de 9 alumnos e alumnas 1º de Bacharelato que cursa a materia de Física e Química realizou unha exposición de carácter científico, apoiándose en presentacións de diapositivas e maquetas realizadas por eles mesmos. Estivo destianada aos máis novos do centro, os seus compañeiros de 1º da ESO. A exposición tratou sobre os Premios Nobel, dándolle especial relevancia aos de Física e Química. Comezaron explicando qué son estes premios, por que se dan, cal é a remuneración que se lle da aos galardoados, que logros se teñen que conseguir para acadalos e cales foron os últimos en saír este mes de outubro relacionados coa ciencia. Para continuar, presentaron o Premio Nobel de Física de 2010, que foi para os descubridores do grafeno, un material composto por grafeno puro que ten aplicacións moi interesantes en electrónica como as novas baterías. Para rematar falaron sobre o Premio Nobel de Química deste 2023, o dos inventores dunha tecnoloxía moi innovadora en óptica. Trátase dos Quantum dots ou puntos cuánticos, unhas partículas de tamaño nanométrico que cambian de cor en función do seu tamaño e que ademais teñen diversas aplicacións en medicina, como a detección do cancro.
A celebración completouse cunha sesión de videoconferencia cos CEIP do Foxo e CEIP de Figueiroa na que un grupo de alumnos e alumnas de 1º Bac da materia de Bioloxía e Xeoloxía fixo unha entretida exposición ao alumnado de 6º destes centros. Contáronlles como algúns “axentes” microscópicos producen enfermidades e como o noso corpo se defende delas, aproveitando para explicar quen descubriu o primeiro antibiótico. Insistiron no tipo de enfermidades coas que se poden usar antibióticos e con cales non, tema importante na educación científica da cidadanía. A sesión rematou con interesantes preguntas da rapazada sobre virus, bacterias e antibióticos. Esta segunda actividade iseríase, ademais, no proxecto VIDEOCONECTAD@S que levan adiante os Equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos da Estrada (Dinamizaestrada)
PODES VER MÁIS FOTOS AQUÍ
Ningún comentario :
Publicar un comentario