elogho! Blogue do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Antón Losada Diéguez da Estrada
xoves, 25 de abril de 2019
mércores, 10 de abril de 2019
Concurso de portadas para a revista do instituto
A finais de maio temos previsto desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Losada editar, como cada ano, a revista do instituto, con contidos variados elaborados polo alumnado e profesorado do centro.
Este ano temos como novidade a convocatoria dun concurso para a portada do novo número de E Logo! O prazo está aberto ata finais deste mes e podedes presentalo en A4 en vertical ou nun A3 horizontal (para que sexa deseño de capa e contracapa). A técnica de deseño é completamente libre (á man, en dixital etc.), coa única condición de que sexa orixinal. Non é necesario engadir texto. Despois poremos superposto o nome da revista e os logotipos na contacapa.
Animádevos a participar. As bases están anunciadas polo centro, con este cartel deseñado por unha das alumnas colaboradoras do EDLG.
luns, 8 de abril de 2019
De roteiro cos Avelaíñas
Nas últimas semanas o grupo Avelaíñas púxonos a andar. Si, a andar literalmente, porque os rapaces e rapazas do grupo de teatro do IES Losada Diéguez, metidos de cheo nos seus papeis, convertéronse en dinamizadores de percorridos por distintos lugares de Galicia: Touro, outro día Palas de Rei, domingo en Compostela... Os roteiros dramatizados son unha maneira excelente de coñecer o patrimonio da man teatro. Avelaíñas faino, ademais, da man doutros grupos de rapaces doutros centros de Galicia que comparten a mesma afección pola escena. Haberá máis este curso. De momento, deixamos algunhas imaxes dos roteiros e da actuación no Audiotorio de La Salle en Santiago.
venres, 5 de abril de 2019
Coñecemos Portugal, aprendemos portugués
O IES Antón Losada iniciou este curso a impartición da materia de Portugués como idioma optativo para o alumnado de 1º da ESO. Xa nos tardaba no centro poder achegarnos á lingua irmá e a favorecer ente o alumnado o coñecemento da cultura portuguesa coa que nos unen lazos primeiros da nosa historia. Para poñer en práctica as primeiras nocións aprendidas e coñecer de primeira man este territorio da outra beira do Miño, os alumnos de Portugués do Losada viaxaron este mes, xunto cos doutros centros da contorna, á cidade do Porto. Formidable experiencia de convívio e aprendizaxe!
Patrimonio rehabilitado
Esta semana o alumnado de 3º da ESO do Losada Diéguez percorreu as rúas da fermosa vila de Allariz. Unha vila para andar a pé, para pasmar coa harmonía das construcións ben conservadas e tamén para estar a ben coa natureza. Visitamos o Museo do Xoguete, desfilamos con garbo cos traxes de época do Museo da Moda, achegámonos aos monumentos da vila e aínda tivemos tempo para gozar dunha tarde estupenda na área recreativa do Rexio, reserva da biosfera. Alí acariñamos años, burros e cans, e coñecemos o proceso de elaboración do queixo de ovella. Por certo, delicatessen galega. Unha actividade que forma parte do Proxecto Terra, do Colexio de Arquitectos de Galicia, para a posta en valora da recuperación do patrimonio e a paisaxe.
Subscribirse a:
Publicacións
(
Atom
)