martes, 24 de maio de 2016

O IES Antón Losada nos premios da III Festa das Palabras



Onte venres presentouse, no Concello da Estrada, a 3º Edición da Festa das Palabras, organizada polos Equipos de Dinamización Lingüística, DINAMIZAESTRADA, e que conta coa colaboracón do Concello. No acto estaban presentes representantes dos EDL dos centros educativos e o Concelleiro de Cultura, Juan Constenla.

Desctacouse a importancia da actividade para a dinamización da lingua entre a comunidade educativa, así como o valor desta iniciativa realizada de xeito conxunto entre todos os centros educativos do Concello da Estrada.

Deuse a coñecer tamén o padriño desta nova edición, que neste caso será o escritor e profesor estradense, David Otero. A parte musical da festa correrá a cargo do grupo NAI.
A data de celebración do evento será o próximo xoves 26 de maio, ás 20:30 no Teatro Principal da Estrada, e no mesmo serán entregados os premios aos 62 rapaces e rapazas gañadoras nesta edición do III Concurso de micropoemas e microrrelatos, que neste ano de Manuel María  debían incluír as palabras ORBALLO e GAIOLA respectivamente.

Tamén se presentou o libro no que se recollerán os traballos gañadores, cuxa portada e marcapáxinas foron realizados pola deseñadora estradense Rosa de Cabanas. A publicación inclúe, nesta ocasión 14 ilustración realizadas polo alumnado de infantil dos sete colexios de primaria da Estrada.
Nesta imaxe vemos os premiados e premiadas do IES Antón Losada


Óscar López, Cristina Núñez, Yolanda Blanco, Eva Coto, Sergio López e Miguel Garea.

Estades todos e todas convidados á III Festa das Palabras.

O clube de Lectura pechou este curso con Manuel María

O club de lectura do losada, Retelladores do Galiñeiro, pechou a súa actividade deste ano dedicando a sesión dos máis pequenos á lectura de Soños na gaiola, do autor homenaxeado nas Letras Galegas 16, Manuel María. Leron e opinaron sobre os seus poemas preferidos e disfrutaron dun vídeo no que o autor da Terra Cha recitaba tamén poemas do libro.

mércores, 18 de maio de 2016

HOXE 18 TAMÉN É DÍA DAS LETRAS GALEGAS

As Letras Galegas celebrámolas todos os días do ano. Aí queda o video realizado na Biblioteca do IES Antón Losada Diéguez, no que se recolle a lectura de 12 poemas de Manuel María. A actividade inscríbese nun proxecto colaborativo entre as Bibliotecas dos centros de ensino secundario da Estrada. Na actividade colabora o Club de Lectura e o EDL Losada.


xoves, 12 de maio de 2016

O coro do Losada na Radio Galega

Onte, xoves 12 de maio, o Coro do Losada tivo unha nova ocasión para lucir o seu rap Verbas a un Irmao, de M. María. Nesta ocasión foi, nin máis nin menos, que cunha actuación en directo a través da Radio Galega, que emitiu o programa A Tarde desde a Sala Abanca da Estrada. As responsables do programa que presenta Cristina García escolleron ao grupo do IES Antón Losada Diéguez para interpretar en directo a súa canción. Nin os nervios impediron unha magnífica interpretación do coro, con Iván Calviño de solista. Recibiron moitos aplausos e parabéns. Aí queda o vídeo que realizamos, co audio da Radio Galega. Que goces con el.


mércores, 11 de maio de 2016

O Coro do Losada no Festival Intercentros Manuel María. O Video e algunhas imaxes

O pasado luns, 9 de maio, o IES Antón Losada participou no I Festival Intercentros de música e poesía "Manuel María", celebrado no Centro Cultural Rosalía de Castro, en Cacheiras, Teo, e organizado polo IES de Cacheiras. No mesmo participou tamén alumnado de centros de Marín, Vila de Cruces, Vedra, e o centro anfitrión.
O coro do Losada participou coa súa versión rap do poema de Manuel María, Verbas a un irmao, colleitando outra vez grandes ovacións dos asistentes, tamén participou na interpretación conxunta, por parte dos máis de 120 participantes dos cinco centros, das pezas "O cuco" e "O Carro", baseadas en poemas do autor homenaxeado nas Letras Galegas. A presentación desta interpretación estivo a cargo de Tereixa Novo, cantante de Fuxan os Ventos.
Nesta intensa mañá poética e musical puideronse escoitar moi diferentes manifestacións desta arte, arredor da figura de Manuel María, como o rapeo dos estradenses, as regueifas de Vila de Cruces, a música instrumental dos marinenses e vedreses, así como un atranque realizado por alumnado do centro anfitrión, como non podía ser doutro xeito.
O coro do Losada é un proxecto do Dto. de Música do centro, e que conta coa colaboración do Equipo de Dinamización Lingüística do mesmo.
Aí queda o video da versión rap de Verbas a un irmao, poema de Manuel María, interpretado por Iván Calviño e o Coro de 1º Bacharelato:








Cancións para Manuel María. A crónica.

Aí queda unha crónica en imaxes dunha mañá poética e moi musical no IES Antón Losada Diéguez.

O programa prometía....

E agás un pequeno fallo técnico que nos impediu disfrutar do video, o resto non defraudou. Moita música, moita palabra na nosa lingua.

Aí quedan as mellores imaxes