xoves, 23 de maio de 2019

Conversa con Héctor Cajaraville


Despois da lectura de Once portas e de achegármonos á figura de Antonio Fraguas a través das páxinas da biografía do bo mestre, o encontro desta mañá con Héctor Cajaraville foi case un reencontro. O alumnado de 3º e 4º da ESO mantivo co autor unha conversa fluída sobre a personalidade de Fraguas, sobre a investigación para construír unha biografía, sobre o oficio da escrita, sobre os libros que marcan... Unha batería de preguntas ben interesante duns entrevistadores de primeira. Parabéns a tod@s e graciñas a Héctor Cajaraville pola súa conversa aberta e amena.



O galego é a fórmula

Os centros educativos da Estrada celebramos onte o Correlingua 2019. Co lema común "O galego é a fórmula" percorremos as rúas da vila coa intención de visibilizar a necesidade de incorporar con normalidade a lingua á divulgación do coñecemento científico. Tamén nas aulas, naturalmente.
 
 

domingo, 19 de maio de 2019

Quen nos roubou as estrelas?

Promovido polos clubs de lectura do Losada Diéguez, esta semana das Letras reflexionamos sobre a contaminación luminosa da man do profesor da Universidade de Santiago de Compostela Salvador Bará, que nos falou da importancia de recuperarmos a noite estrelecida...



Avelaíñas en ruta

Florencia, Pisa... Por terras de Italia temos estes días o alumnado de teatro do Losada Diéguez, Avelaíñas Teatro. Un bus completiño para levar polo mundo unha maneira de facer teatro.
Seguídeos no blog teatroenruta.wordpress.com


Bo Día das Letras Galegas


xoves, 9 de maio de 2019

Videoconferencia co Colexio do Foxo

O alumnado 1º e 6º de primaria do colexio do Foxo sorprendeunos esta mañá cunha serie de exposicións sobre o libro, que escoitaron con atención os alumnos e alumnas de 2º da ESO do noso instituto. Un ano máis, compartimos información na distancia, grazas ás sesións de videoconferencias que preparamos entre os equipos de promoción da lingua galega dos centros educativos da Estrada (DinamizaEstrada). Faláronnos de libros, con datos e con xeito de auténticos conferenciantes. En hora boa polo traballo! Seguimos dixitalmente conectados!



Sen palabras, na fin do intercambio lingüístico co Collège du Houlme


Nesta primerira semana de maio abrímoslle as portas da Estrada ao alumnado do Collège du Houlme. A segunda parte do intercambio foi tan intensa coma a viaxe do alumnado do Losada a Normandía. Facermos xuntos estes camiños de ida e volta non nos deixa como estabamos: sabemos moitas máis palabras, en francés, en inglés, en linguaxe de signos :-)... Practicamos coa expresión do corpo a través desa adaptación de Le Petit Prince que argallou Afonso para a ocasión. Compartímola coas familias na sesión de peche no Teatro Principal da Estrada.
Pero aprendemos ben máis cousas nesta convivencia. Durante unha semana fixemos en común de novo aulas, descubertas e longas camiñadas. Agora as palabras parece que xa nos sobran. Boa viaxe de volta!  E ata outra!


luns, 6 de maio de 2019

Calendario 3º trimestre

Comezamos a organizar as datas de probas e entrega de traballos do terceiro trimestre e algúns alumnos pedíannos que recuperásemos os meses de maio e xuño do calendario do Losada, para os ter á man. Aquí volos deixamos.

calendario_3º_trimestre by elogolosada on Scribd