mércores, 7 de xaneiro de 2026

O almanaque do segundo trimestre do curso 25-26 xa está dispoñible

 


Presentamos o almanaque deste segundo trimestre do curso 2025-2026, que tan últil nos resulta.

Nesta segunda avaliación cada mes está dedicado a unha muller científica galega, continuando co proxecto iniciado no primeiro:

Antonia Ferrín, Inmaculada Paz Andrade e Eugenia Pereira, mulleres que dedicaron a súa vida á investigación científica e á divulgación en diferentes ámbitos e disciplinas.

Xa está nas aulas, pero aquí, podes descargar e imprimir o teu almanaque:

Almanaque EDLG_LOSADA_25-26-2ºT by elogolosada

O DEPARTAMENTO DE FÍSICA E QUÍMICA CELEBRA O GALEGO NA CIENCIA

 

O venres 19, antes de coller as vacacións aínda tivemos a visita do noso físico de cabeceira, J. Benito Vázquez Dorrío, catedrático da @minasenerxia da @universidadedevigo. 

Co seu impresionante despregue de medios e coñecementos, faloulle ao alumnado de 3° e 4° ESO de Luz e cor na Física, con numerosos e rechamantes experimentos. 

Foi cousa do departamento de Física e Química e formou parte da programación de actividades A CIENCIA EN GALEGO do EDLG Losada. 


 

AVELAÍÑAS DO LOSADA PUXO A NOTA TEATRAL ANTES DAS VACACIÓNS DE NADAL



A aula de teatro Avelaíñas do Losada acaba de poñer en escena a súa creación colectiva VOCES DENDE O ENTULLO, que reflexiona sobre a guerra e as súas consecuencias. Realizaron dous pases para o alumnado de ESO e Bacharelato do Losada, nesta tarde de martes. Despois do éxito acadado na VIII mostra de teatro escolar Olimpio Arca, celebrada en novembro, fixeron unha revisión da peza, xogando co metateatro, que obtivo o aplauso unánime dos asistentes.


Moitísimos parabéns para Lara, Iker, Carolina, Lía, María, Brais, Noa, Lois, Manuel, Iago e por suposto para Fran Campos, director do grupo.

Podes gozar coa posta en escena de Voces dende o entullo:

luns, 15 de decembro de 2025

AVELAÍÑAS DO LOSADA PARTICIPA NA VIII MOSTRA DE TEATRO ESCOLAR "OLIMPIO ARCA"

 

Aí quedan algunhas imaxes da posta en escena da peza de creación colectiva VOCES DENDE O ENTULLO, chea de bo facer, emotividade e valentía, que reflexiona arredor das guerras e as súas consecuencias, a cargo da Aula de teatro Avelaíñas do Losada na VIII Mostra de teatro escolar Olimpio Arca da Asociación cultural Vagalumes. 

Foi o pasado 26 de novembro no Teatro Principal da Estrada.

Parabéns polo traballo a Lara, Iker, Carolina, Lía, María, Brais, Noa, Lois, Manuel, Iago e ao seu director Fran Campos.


 


O EDLG ORGANIZOU O SAMAÍN DO MEDO, UN ANO MÁIS


Por terceiro ano consecutivo, recibimos a visita de OSIÑOS que nos agasallou unha vez máis coas mellores e máis terroríficas frases. 

Foron moitas e moitos os que quixeron tirar unha foto coa súa frase preferida. 

 
Equipo organizador

MÁIS FOTOS

 

mércores, 24 de setembro de 2025

O TEATRO VOLVE O LOSADA. AULA DE TEATRO AVELAÍÑAS CURSO 2025-2026

Se queres formar parte da Aula de teatro Avelaíñas, achégate á reunión que terá lugar este xoves, 25 de setembro no salón de usos múltiples ás 12:25.

Ven e goza do teatro!

xoves, 11 de setembro de 2025

O ALMANAQUE DO 1º TRIMESTRE Á TÚA DISPOSICIÓN. CURSO 2025-2026

Un curso máis o EDLG do Losada ofréceche unha ferramenta útil para organizáreste mellor: o almanaque mensual.

Nesta primeira avaliación cada mes está dedicado a unha muller científica galega:

Ángeles Alvariño, Olimpia Valencia, Ángela Ruíz Robles e María Wonemburguer dedicaron a súa vida á investigación científica e á divulgación en diferentes ámbitos e disciplinas.

Xa está nas aulas, pero aquí, podes descargar e imprimir o teu almanaque:

Almanaque EDLG-Losada 25-26-1ºT by elogolosada