domingo, 10 de maio de 2020

Así celebramos a Rosalía nos IES estradenses

O DÍA DE ROSALÍA CELEBROUSE CONXUNTAMENTE ENTRE OS TRES IES ESTRADENSES

O pasado 9 de marzo os tres centros de secundaria da Estrada celebraron, por treceiro ano consecutivo,  o Día de Rosalía de xeito conxunto. Con algúns días de atraso, por motivos organizativos, o IES Nª 1, o IES García Barros e o IES Plurilingüe Losada Diéguez propuxeron un acto poético e musical na honra da escritora representante das letras galegas. Despois do encontro celebrado o ano pasado no Nº 1, nesta ocasión as instalacións do Manuel García acolleron as diversas propostas preparadas polos tres centros educativos. Foron desfilando polo escenario os alumnos e alumnas que interpretaron diferentes  poemas da autora, combinando o recitado con diversas propostas musicais.
O acto comezou cunha introdución musical a cargo do alumnado de música do IES García Barros. A seguir, o presentador e presentadora do acto, despois de recordar que Rosalía cumpre 183 anos e que a súa palabra se espallou en forma de diferentes músicas por todo o mundo, foron introducindo as diferentes actuacións poéticas e musicais, que foron as seguintes:


IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez: Andrea Mosteiro Sanxiao de 1º de Bac., e Daniel Canicoba Cerviño de 3º ESO, fixeron un magnífico recitado do poema rosaliano, dedicado á emigración: "Prá Habana" e de  “Nacín cando as prantas nacen”.




 IES Nº 1: Interprentaron unha orixinal versión do poema Castellanos de Castilla, inspirado na creación da cantaoutora galega MJ Pérez (peza Malaxente), baseada á súa vez na melodía da famosa cantante Rosalía (peza: Malamente) .


IES Manuel García Barros: O alumnado centro anfitrión interpretou dúas fermosas e orixinais versións dos poemas Negra Sombra e Adios ríos...
O obxectivo desta actividade xira arredor da idea de salientar o papel que tivo, e segue a ter, a obra da autora padronesa de cara a dignificación e extensión do uso do galego. Mantendo a súa palabra, actualizamos a súa transmisión a través de formas diferentes de comunicación, co valor engadido da realización dunha actividade preparada de xeito colaborativo.
A actividade foi promovida e coordinada polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, contando coa colaboración dos Departamentos de Música e de Lingua Galega dos centros.
A actividade tamén se integra dentro da programación anual do Equipos de Dinamización da Lingua galega dos centros educativos da Estrada (Dinamizaestrada), neste caso os de secundaria.

Ningún comentario :

Publicar un comentario