sábado, 18 de abril de 2020

O CALENDARIO DO 3º TRIMESTRE

Aínda que nestes momentos non esteamos en clases no instituto por causa da COVID-19, ofrecémosche igualmente o noso almanaque anual. Para organizáreste un pouco mellor e para aprender.
Xa podes consultar o calendario do 3º trimestre elaborado polo EDL. Nos meses de abril, maio e xuño recóllense refráns, datos e efemérides dos mesmos. Colaborou na súa realización Andrea Mosteiro Sanxiao de 1º BAC.

Podes consultalo, descargalo ou imprimilo, aquí:



xoves, 13 de febreiro de 2020

A ciencia en galego, todo o ano.

Esta semana está a ser intensa na dinamización da ciencia no noso idioma. O martes 11, tivemos con nós á catedrática  en Química Analítica da USC, Marta Lores Aguín, que foi a encargada de impartir unha moi amena charla divulgativa arredor da presenza da muller no ámbito dos estudos e a investigación científica. Participou o alumnado de ciencias de 4º ESO, 1º e 2º Bacharelato do centro.




E o mércores 12, realizouse unha charla-coloquio , baixo o título de “A información meteorolóxica en galego”.
A relatora foi, nesta ocasión, a coñecida xornalista e informadora do tempo na TVG, Mabel Montes, que achegará ao alumnado do Losada información de como se realizan as previsións meteorolóxicas, que medios e instrumentos usan, como se interpretan os mapas e tempo e como nolo transmiten aos espectadores e espectadoras.
A sesión rematou cunha divertida posta en escena dun simulacro de telexornal no escenario do salón de usos múltiples no que participaron con moito xeito voluntarios e voluntarias do alumnado e profes tamén!






mércores, 12 de febreiro de 2020

GALEGO. Lingua de amor.

Un ano máis o galego é a lingua de amor no Losada. Nesta ocasión inspirounos o fermoso poema de Celso Emilio Ferreiro, "Xaneiro 1972", coñecido popularmente co título de "Moraima" do libro Onde o mundo se chama Celanova(1975).



Tamén fixemos un vídeo con algunha das moitas interpretacións musicais que diversos artistas fixeron deste fermoso poema.

E XA SABES, NESTES DÍAS DE AMOR. PODES DICIRLLO OU ESCRIBIRLLO EN GALEGO


xoves, 23 de xaneiro de 2020

O día de Castelao no Losada




Un ano máis a biblioteca do Losada Diéguez conmemora do Día de Castelao. 
Unha das actividades organizadas este curso foi unha exposición ” Castelao e A terra de Montes” que estará nos corredores do centro ata final de xaneiro.
O día 30 de xaneiro a biblioteca realizará un sorteo de catro libros de Retrincos  entre as persoas que cubran correctamente un cuestionario sobre a exposición. Ademais leranse algúns relatos de Cousas.

ANÍMATE E PARTICIPA NO CONCURSO!!!!

domingo, 19 de xaneiro de 2020

Concurso de micropoemas e microrrelatos DINAMIZAESTRADA 2020

Está en marcha a sétima edición do Concurso de microrelatos e micropoemas organizada por DINAMIZAESTRADA, Equipos de Dinamización Lingüística dos Centros Educativos da Estrada. 
Este ano as palabras escollidas foron: AMIGO, para os microrrelatos, e CABELO para os micropoemas, en homenaxe aos títulos do autor escollido para as Letras Galegas do 2020, Ricardo Carvalho Calero. 
Aquí podes ler, descargar, imprimir... as bases do certame. ANÍMATE E PARTICIPA!!!



martes, 7 de xaneiro de 2020

O calendario do 2º trimestre.

Xa podes consultar o calendario do 2º trimestre elaborado polo EDL. Nos meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril recóllense refráns, datos e efemérides dos mesmos. Colaboraron na súa realización Alba Lorenzo, Ricardo Santos e Marta Sinde de 3º ESO e Andrea Mosteiro de 1º BAC.


Podes consultalo, descargalo ou imprimilo aquí:


Que tal foron as lecturas do Nadal en Galego?

Xa viches por todo o centro os carteis anunciadores de obras literarias e musicais en galego. Escolliches algún para o Nadal. En realidade podes gozar delas todo o ano: