martes, 26 de marzo de 2019

Linguas, todas, para andar polo mundo

Derreadiñ@s vimos despois da nosa estadía en Francia, en intercambio co Collège du Houlme, na Normandía. Unha experiencia de convivencia e aprendizaxe que, abofé, non nos vai esquecer. Da man de O Principiño realizamos este ano unha viaxe fermosa co alumnado de 1º da ESO, compartindo unha semana con familias francesas e co centro escolar de Briouze coa axuda das linguas e das ferramentas de expresión que nos regala o teatro. Aí vos vai a crónica da nosa viaxe!



O domingo 17 de marzo saímos para París. Foi para algúns dos alumnos a primeira viaxe en avión. A chegada de noite a París ben merecía un paseo para vermos a Tour Eiffel iluminada.


Pola mañá erguémonos canda os panadeiros para coller o tren para Briouze. Despois dunha soneca no primeiro tramo, logo nos puxemos mans á obra. Tiñamos aínda moito texto por preparar. Levamos nas mochilas un proxecto ambicioso: poñer en escena, co alumnado francés, unha adaptación trilingüe galego-castelán-francés de O Principiño, de Saint-Exupéry. As partes en francés déronnos bo traballo, aínda que fosen expresións doadas que xa abordamos nas aulas. Pero, aos poucos, fomos logrando dicilas con bo acento e naturalidade. Todo é poñerse!



A media mañá, chegamos a Briouze. A chegada ao collège foi emocionante. O alumnado e o profesorado do centro preparáronnos unha acollida activa, con xogos de grupo que nos meteron de cheo a compartir cos novos compañeiros. Percorremos Briouze ás carreiras buscando pistas. E, cando nos demos de conta, estabamos a parolar amigablemente no patio do collège.




Os alumnos e alumnas galegos integráronse nas clases de Historia, Inglés, Español, Matemáticas... É curioso descubrir como se parecen ás nosas e, ao mesmo tempo, cantas cousas distintas: nos tratamentos de cortesía co profesorado, na organización de patio, nos timbres, que aquí son música para advertir dos cambios de aula... E, polo medio, os primeiros ensaios de teatro. As propostas de expresión corporal de Afonso póñennos en contacto físico e en conexión humana directa. O grupo xa está feito nunhas poucas horas. O teatro é máxico.





No medio da semana, tamén tivemos tempo para descubrir algúns lugares especiais próximos a Briouze. Onda o profesorado e alumnado francés coñecemos monumentos históricos da comarca e mesmo chegamos ao Mont Saint Michel e a Saint Malo, xa nas portas da Bretaña.





Despois da actividade a semana, o venres chegou o día da estrea da obra. As familias acudiron todas ao Espace Culturel para ver os primeiros resultados do traballo. Queda aínda moito por ensaiar. Esa segunda parte da tarefa será a finais de abril, cando o alumnado francés veña visitarnos á Estrada. Ao final da función houbo apertas e xa as primeiras bágoas. Xúntanse as emocións dunha semana verdadeiramente intensa.




O sábado pola mañá despedímonos das familias. Briouze é unha vila pequecha. A acollida foi tan cálida coma a despedida. Marchamos agradecidos e con gana de acollelos cando veñan. Diso vai esta viaxe arredor do Principiño: de coñecer, de mirar outros "planetas" e de non perder a capacidade de sorprendernos na viaxe. 
A fin de semana en París foi un bo peche. Agora xa estamos de volta. Queda aínda moito traballo por facer na segunda parte deste intercambio. Darémolo todo para que saia tan ben coma esta primeira. A tout à l'heure !




sábado, 23 de febreiro de 2019

Orgullosas da nosa ciencia e da nosa lingua

Esta semana, o alumnado de 1º de Bacharelato encheu o centro de sabedoría matemática coas actividades arredor da muller e a ciencia promovidas polo departamento de Matemáticas e a Biblioteca. Énchenos de fachenda o bo galego das nosas alumnas para falar das cousas do día a día e tamén para expresar coñecemento académico. La Voz de Galicia recolleuno nas súas páxinas. Lamentable é que, en cambio, un medio con ese nome rexeite contalo na lingua que as protagonistas empregaron... Algún día.


martes, 19 de febreiro de 2019

Poñédevos creativas, poñédevos creativos

Veña, que esta semana remata o prazo para o Concurso de Microrrelatos e Micropoemas. Se aínda tedes algunhas frases ou algún verso por puír, ídelle dando, que o día 22 é o último día para presentardes os vosos traballos. Lembrade, estas son as bases.

Proxección videopoemas de amor



Cantos días encontramos inspiración na biblioteca do Losada... O 14 de febreiro fíxose no Losada un pase de recreo de videopoemas elaborados a partir de cantigas medievais galegas, vistas cos ollos de hoxe. Bo traballo o do alumnado de 3º da ESO, que compartiu creatividade a moreas e unha farta de amor.

venres, 1 de febreiro de 2019

Para sabermos máis: aula aumentada


A nosa aula aumentada desta semana foi unha supervisita a Santiago de Compostela co alumnado de 1º de Bacharelato e de 2º de FP Básica de Administrativo. Saímos dos libros e das paredes do centro e adentrámonos directamente na materia. Aula aumentada e vivida. Primeira parada: Parlamento de Galicia. Para sabermos como se cocen as leis que nos rexen e o control do Goberno. E mesmo nos atrevemos a practicar un pouco a dialéctica.




Despois fomos ao Museo do Pobo Galego, referente para a conservación da cultura galega, e unha oportunidade de achegármonos tamén a Antonio Fraguas, unha figura da que saberemos máis este ano ao dedicárselle o Día das Letras Galegas. No Museo tamén fomos todos guías por un día. Alumnos e alumnas prepararon o percorrido polos contidos das distintas salas: o mar. o campo, os instrumentos musicais, as crenzas tradicionais... Concluímos a visita, solemnemente, como cómpre, no Panteón de Galegos Ilustres.


Rematamos a xornada cunha visita á exposición Castelao Maxistral, arredor do simbolismo do cadro A derradeira leición do mestre.


Moito máis ca teatro

O venres 25 de xaneiro á noitiña, un grupo de 20 alumnos e alumnas do IES Antón Losada Diéguez gozaron con entusiasmo da sesión de contacontos de Lois Pérez no Teatro Principal, dentro do programa do Concello da Estrada en colaboración cos equipos de dinamización da lingua galega dos centros escolares. A afección ao teatro nace no teatro.



E o domingo, o Principal encheuse de novo con centos de alumnos, familiares e amigos que se animaron a pasar unha tarde teatral coa obra do grupo Avelaíñas do Losada "Vogando nos contos". No escenario, máis de 50 rapaces e rapazas construíndo para o público historias cheas de creatividade e de emoción. Aplaudimos a cachón. Porque isto é moito máis que teatro.