Alá vai o Nadal. Que logo acaban as festas! Pero comezamos o segundo trimestre con ánimo, que hai que estrear ben o ano novo. Sen poñernos moitos propósitos, non está mal que vaiamos planificando as nosas tarefas.
elogho! Blogue do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Antón Losada Diéguez da Estrada
luns, 7 de xaneiro de 2019
venres, 30 de novembro de 2018
Aberto o prazo de presentación do VI Concurso de micropoemas e microrrelatos
Xa está aberto o prazo de presentacións de micropoemas e microrrelatos para o alumnado dos centros educativos da Estrada. Lembrade que poden participar todos os niveis educativos de primaria, secundaria e bacharelato. Os micropoemas e microrrelatos gañadores chegarán aos lectores nun libro conxunto, que se editará para a celebración da entrega de premios na habitual Festa das Palabras. Escribide e participade! O prazo remata o 22 de febreiro de 2019. Aquí tedes as bases.
sábado, 24 de novembro de 2018
25N: O Antón Losada, polo bo trato
Este venres 23 de novembro no IES Antón Losada quixemos que se nos escoitase, porque a violencia de xénero hai que parala. Co lema "Isto é bo trato" traballamos primeiro nas aulas o que convertemos despois nun acto reivindicativo. Comezamos no primeiro recreo coa interpretación de "Cor esperanza" do Coro do Losada, que tamén compartimos ao final da mañá cos compañeiros do IES Nº1. Na terceira hora lemos o manifesto "Isto é bo trato", elaborado polo alumnado de 1ºBacharelato B. Enchemos as escaleiras de boas ideas para bentratarnos. Seguiremos traballando aínda. Queda moito por facer para que todas poidamos vivir en liberdade, plenamente, con respecto. En igualdade. Iso é bo trato.
O sistema esquelético, para pechar o Mes da Ciencia
Pechamos o Mes da Ciencia en Galego coas charlas divulgativas sobre o sistema esquelético que preparou o alumnado de 1º de Bacharelato das materias de Bioloxía e Cultura Científica, para os compañeiros de 2º da ESO. E abofé que as prepararon a conCIENCIA: didácticos, comunicativos, concisos e cun vocabulario rico e ben coidado.
Aprendemos con eles unha morea de cousas sobre os nosos ósos e as articulacións. E mesmo nos ofreceron valiosos consellos para coidar a saúde do sistema que nos sustenta. Agora a aplicalos no día a día.
E para rematar a charla, expuxéronnos os experimentos que realizaron con ósos de polo, para que puidésemos ver de preto como se comportan os ósos cando se descalcifican. Vaia elasticidade!
mércores, 21 de novembro de 2018
Compartimos coñecemento matemático, naturalmente, en galego
Un grupo de alumnas e alumnos voluntarios de 1º de bacharelato convertéronse en profes por un día, para lles explicar aos compañeiros máis novos, de 2º da ESO, algunhas curiosidades relacionadas coas matemáticas. Baixo o título de Isto son matemáticas prepararon unha estupenda sesión de xeometría, maxia e números cos que sorprender os compañeiros. No IES Antón Losada, tamén no Mes da Ciencia, compartimos lingua e coñecementos.
venres, 16 de novembro de 2018
Arredor de Domingo Fontán
O profesor Víctor Pollán Fernández visitounos esta semana, con motivo do Mes da Ciencia en Galego no Losada Diéguez, para achegarnos as innovacións científicas de Domingo Fontán, autor do primeiro mapa físico rigoroso da xeografía galega, no século XIX. Unha charla entretida e interesante para o alumnado de 3º da ESO e de bacharelato.
venres, 9 de novembro de 2018
A derradeira leición do mestre
Esta semana, co alumnado de 3º ESO, visitamos a exposición Castelao maxistral, unha oportunidade para coñecermos máis o sentido da obra de Castelao e para afondarmos no coñecemento da nosa historia recente.
E, como non lle temos medo á chuvia, completamos a mañá cun roteiro pola cidade vella compostelá, para descubrirmos as antigas portas da muralla, seguindo as páxinas da nosa lectura deste trimestre, Once portas, de Héctor Cajaraville. Coma pitos, pero completamos todas as pistas formuladas sobre o plano da cidade. Bo traballo, rapaces!
Subscribirse a:
Publicacións
(
Atom
)











