luns, 21 de maio de 2018

Letras Galegas 2018 (II) Música galega hoxe con Dani Lavesedo e Plan Siberia ao vivo.

Moita música contemporánea en galego para celebrar a nosa lingua. O xoves 10 de maio comezabamos cunha interesantísima introdución á música galega hoxe a cargo de Dani Lavesedo, mantedor de gzmusica.com e ademais profe no Losada. Un vertixinoso repaso aos grupos e solistas máis destacados do panorama musical en galego na actualidade.

E para rematar do mellor xeito a mañá musical contamos coa presenza en directo da formación estradense Plan Siberia, liderado por Gabriel Blanco. Presentou temas do seu primeiro disco en galego Volboretei, gañándose o aplauso e a calor do público, que rematou bailando no escenario.

Picando na imaxe poderás ver as mellores fotos do evento:

https://photos.app.goo.gl/jmfzWGCgU6s6Ni8r2

mércores, 16 de maio de 2018

Letras Galegas 2018. Faladoiro con Ánxela Gracián no Losada



Comezamos coa celebración das nosas letras coñecendo a figura de María Victoria Moreno. Para iso convidamos á tradutora e escritora lucense Ánxela Gracián o pasado martes 8 de maio, que foi "sometida" a un preparado "bombardeo" de preguntas preparadas polo alumnado de 1º Bac. Moi interesantes as cuestións, e moi esclarecedoras as respostas. Coñecemos datos da obra e da figura de María Victoria, pero tamén da ponente, que se sincerou, agradecida co auditorio. Picando na imaxe, poderás ver as mellores fotos do evento:

https://photos.app.goo.gl/35PAg88XktcrvKmi1

O alumnado do Losada asiste a obras en galego no Principal da Estrada


 Un ano máis o alumnado do IES Antón Losada tivo a ocasión de participar activamente na campaña dirixida aos centros de secundaria da Estrada, e que é produto do convenio entre estes e o concello estradense.

Programaronse tres obras: O tolleito de Inishmaan, Raclette e Bicos con lingua.

Foron máis de 60 rapaces e rapazas o noso centro que responderon á iniciativa e asistiron ás obras que se puxeron en escena o 16 de marzo, 20 de abril e 4 de maio.

Aí deixamos as imaxes do último espectáculo, Bicos con lingua, de Talía Teatro. Un grupo de alumnos e alumnas do Losada, compoñentes do grupo de teatro do centro, Avelaíñas, quixo retratarses cos actores da obra, cos que mantiveron unha interesante charla.






domingo, 13 de maio de 2018

O club de lectura de 3º despide o curso con Sete caveiras de Elena Gallego

Unha lectura máis, e un debate e posta en común máis de moito nivel no Club de Lectura de 3º. Foi o pasado 8 de maio. Arredor de Sete caveiras, de Elena Gallego.





O correlingua na Estrada

Aí queda o vídeo da participación do IES Antón Losada Diéguez no Correlingua 2018 na Estrada. Foi o pasado 3 de maio.


E así se fixo a pancarta do Losada:

martes, 1 de maio de 2018

O CORO IES ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ no Auditorio do Mar de Vigo.


O xoves 26 de abril o coro do  IES Antón Losada participou na VII edición do Encontro Musical de Alumnado Música que tivo lugar no Auditorio do Mar de Vigo. O evento foi organizado pola Asociación de Profesorado de Música de Galicia (ASOMÚSICA)  contando coa colaboración do concello desta cidade viguesa. No encontro, ademais do estradense, participaron 16 centros toda Galicia.
O coro do IES Antón Losada, formado por 30 persoas (alumnos e profes)  foi dirixido pola profesora Chelo Millán interpretou dúas pezas: unha versión da Xota De Lira, de Xabier Díaz e a peza City of Stars da coñecida película La La Land, colleitando a admiración e abondosos aplausos dos máis de 700 asistentes e participantes na actividade.
A xornada completouse con diversos obradoiros formativos nos que puideron participar os rapaces e rapaces integrantes do encontro: danza Galega, danzas do mundo, percusión, etc.

A actividade está promovida e coordinada polo Departamento de Música e o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Antón Losada. O Coro celebra o seu terceiro curso consecutivo de existencia, e leva participado en numerosas iniciativas musicais tanto dentro como fóra do centro educativo.

Podes ver e escoitar a actuación do coro nestes vídeos:



  


Algunhas fotos:






Corredora, de María Reimóndez no Club de Lectura de 1º

O pasado 17 de abril foi a quenda de Corredora, de María Reimóndez. O libro narra a historia de Genet, trasfondo da atleta Tiki Gelana, desde que marcha da súa aldea á cidade e se acaba convertendo en campioa da maratón dos Xogos Olímpicos de Londres.
Interesantísimo e participativo o debate que tiveron os rapaces e rapazas de 1º na Biblioteca. Aí quedan algunhas imaxes.