martes, 24 de xuño de 2025

ASÍ FOI A PARTICIPACIÓN DO EDLG LOSADA NA XXI FESTA DAS PALABRAS DINAMIZAESTRADA

 

Non podía faltar aquí a reseña da XII Festa das palabras Dinamizaestrada na que o Losada estivo tan ben representado. Foi o mércores 28 de maio, nunha noite moi especial nun Teatro Principal ateigado de palabras, música e xente. Parabéns aos nosos premiadas e premiadas Hans Peñaranda, Álvaro Fuentes, Adelaida Vilariño, Lidia Márquez, Sarela Picallo e Uxía Seoane. Nesta edición da festa correspondeu a presentación da mesma a Iker Recio e Lara Rey, de 1º Bacharelato do Losada, que fixeron unha condución do acto extraordinaria. Tamén estiveron por alí, acompañando e entregando os premios dunha das categorías, Conchi Carbajal e Xabier Camba. Non faltou a fermosa alocución da madriña, Susana Sanches Arins, e a música a cargo de de O Regueiriño de Lamas.

Podes ver moitas máis fotos do envento AQUÍ.

 


AS LETRAS GALEGAS NO LOSADA. CONCURSO FOTOGRÁFICO E PODCAST


O EDLG Losada desvelou o agardado resultado do Concurso de fotografía Letras galegas que este ano xiraba arredor das cantareiras e cantigas da nosa música tradicional.
Presentáronse máis de 50 traballos, dos que o EDLG escolleu un total de 10 finalistas, que están expostas no corredor da biblioteca.
O xurado, formado por 30 persoas docentes e traballadoras do centro otorgou mediante votación os seguintes mencións e premios:
Ángela Cabanas Gestoso
Adrián Reboredo Carracedo
Ainoha Castro Rebolo
Aurora Rico Criado
Daniela Prieto Loureiro
Pedro Fandiño Mella
e Maite Fernández Mella
Os premidados e premiadas foron:
1º Martín Carro Martíne
2º Xián Torres Castro
3º Eva Calvelo Rivas
Recibiron diversos agasallos, entre os que destacamos a ilustración da autoría de Rosa de Cabanas sobre as cantareiras galegas, libros da Festa das palabras Dinamizaestrada, láminas de Antón Losada Diéguez ou marcapáxinas de Animosa
PARABÉNS A TODOS E A TODAS!!!!

 Por outra banda, tamén foi publicado o podcast elaborado por alumnado do EDLG  de 2º de FP Básica de Informática e que contén unha entrevista a Domingo Blanco e Antón Santamarina para coñecer máis sobre as persoas ás que se lles adica no ano 2025 o Día das Letras Galegas. 
A actividade completouse cunha charla de Domingo Blanco na que participou o alumnado de 1º de Bacharelato. Tivo lugar o pasado mércores 12 de marzo.
 




XOANA SEN MEDO, UNHA PRODUCIÓN DE AVELAÍÑAS TEATRO 2025


   

Un novo curso de teatro no Losada.

Despois do proxecto levado a cabo no primeiro trimestre, a aula de teatro do Losada, Avelaíñas, continuou co seu traballo que deu como resultado a posta en escena da obra, Xoana sen medo, baseada no popular conto dos Irmans Grimm, e adaptada polo director Fran Campos.

A Aula de teatro do Losada, AVELAÍÑAS, presenta o espectáculo no que veu traballado nos dous últimos trimestres, despois do realizado no primeiro, A vida é un cásting.

Xoana sen medo é unha adaptación teatral, en clave de clown, do famoso conto dos irmáns Grimm, realizada polo director do grupo, Fran Campos.

Un Rei promete a man do seu presumido fillo, e polo tanto a coroa e o reino, a quen sexa capaz de pasar unha noite no seu castelo encantado.

Preséntanse catro candidatas, entre elas Xoana, que se dispoñen  a pasar a noite entre pantasmas, cabaleiros defuntos, vampiros… Pero como “quen ten cu, ten medo”, irán descubrindo que tanto uns como outras teñen os seus conflitos, as súas frustracións, dúbidas, medos: a soidade, o fracaso, a morte… e irán axudándose entre todos e todas.

E que pasa con Xoana, gañará a proba ou terá tamén algún medo que descoñece?

Un obra que fala sobre como enfrontarse, xestionar e convivir cos medos propios.

Os pases que se realizaron foron os seguintes:

MARTES 1O DE XUÑO

16:30: 2º ESO e 4º ESO

17:10: 1º BAC e 3º ESO

MÉRCORES 11 DE XUÑO

20:00: Familias, profesorado e público xeral

LUNS 16 DE XUÑO

IES A BASELLA

Vilanova de Arousa

Unha vez máis, o resultado do traballo foi excelente, acandando o aplauso e felicitación en todos os pases realizados.

Picando na foto poderás coas mellores imaxes da actividade


 E tamén podes gozar co vídeo completo da obra:

venres, 20 de xuño de 2025

A REVISTA DO EDLG LOSADA 2025

 

Xa circula de man en man a nosa publicación. 

Moitas páxinas con artigos, crónicas, reportaxes, ilustración, creación, unha fermosa capa a toda cor co noso NOVO LOSADA (@rosadecabanas) 

Ademais, podes descargala e vela a toda cor aquí:

ELOGHO?25 A revista do EDLG Losada Diéguez by elogolosada

mércores, 28 de maio de 2025

O LOSADA PARTICIPA NA XII FESTA DAS PALABRAS DINAMIZAESTRADA E NO CORRELINGUA


Foi presentada a duodécima edición da FESTA DAS PALABRAS organizada polo colectivo DINAMIZAESTRADA, que agrupa aos Equipos de dinamización da lingua galega dos dez centros educativos da Estrada.

A Festa terá lugar o 28 de maio no teatro principal ás 8 da tarde e podes consultar toda a información sobre a mesma no blog de DINAMIZAESTRADA.

O Losada, coma sempre, estará representado polo alumnado gañador dos concursos de micropoemas e microrrelatos nas súas respectivas categorías. 

Ademais, nesta edición, a presentación do acto correrá a cargo de Lara Rey Rosende e Iker Recio Matalobos, de 1º Bacharelato do Losada.

E o 21 de maio o alumnado de 4º ESO participou activamente no Correlingua 2025 celebrado nas rúas e prazas da Estrada. 




martes, 13 de maio de 2025

LETRAS GALEGAS 2025. A EXPOSICIÓN


No corredor da Biblioteca do Losada xa está exposto o traballo realizado polo IES Castelao que resume magnificamente a achega das cantadeiras á lingua galega, motivo que este ano centra a celebración das letras galegas.

Convidámoste a visitar a exposición e mesmo podes facelo con este documento que elaboramos, e responderes ás preguntas que nel se fan sobre cada panel.


Preguntas Para a Expo Das Letras Galegas 2025 by elogolosada 

Podes consultar máis materiais sobre a exposición e outros traballos arredor do Día das Letras Galegas AQUÍ.

xoves, 8 de maio de 2025

NOVA EDICIÓN DO CONCURSO FOTOGRÁFICO DAS LETRAS GALEGAS. CANTAREIRAS E CANTIGAS 2025



O EDLG do Losada, a Biblioteca e o Departamento de Artes Plásticas convocan unha nova edición do Concurso Fotográfico das Letras Galegas.

Nesta ocasión poderás escoller algún dos 10 textos  que aparecen no cartel, facer unha fotografía inspirada no que che suxira e enviala a ler.nolosada@gmail.com. Podes enviala ata o día 20 de maio.

Anímate que haberá premios para os mellores traballos.

Os traballos finalistas exporanse no corredor da biblioteca e en días posteriores farase público o traballo gañador. Está atento/a!!!

martes, 29 de abril de 2025

TEREIXA CONSTENLA PRESENTA O SEU LIBRO ABRIL É UN PAÍS NO LOSADA


A escritora e xornalista estradense, nacida na parroquia de Arca, mantivo un interesante coloquio co alumnado de 2º Bacharelato na biblioteca do Losada.

O pasado 22 de abril, na mesma semana do 50 aniversario da Revolución dos cravos, que puxo fin de xeito pacífico á ditadura portuguesa, a escritora estradense, Tereixa Constenla, xornalista de El País, achegouse ao Losada para falar do seu último e exitoso libro, Abril é un país, publicado por Kalandraka.

 Máis fotos picando AQUÍ.

 

domingo, 30 de marzo de 2025

XA PODES DESCARGAR O ALMANAQUE DO ÚLTIMO TRIMESTRE DO CURSO 2024-2025


 
 
XA ESTÁ Á TÚA DISPOSICIÓN O ALMANAQUE COMPLETO DO 3º TRIMESTRE!!!

Neste curso, como fixemos no primeiro trimestre, cada mes está dedicado a un grupo ou interprete musical feminina da música galega contemporánea, e aínda quedou sitio para incluír un refrán do mes.

Seguimos con Sheila Patricia, Catuxa Salom e Uxía.

Xa está nas aulas, pero aquí podes descargar e imprimir o teu almanaque: 

Almanaque Edl-losada 24-25-3ºT by elogolosada

domingo, 9 de marzo de 2025

ENTREGA DE DIPLOMAS CONCURSO LITERARIO DINAMIZAESTRADA 2025


O pasado 26 de febreiro na Biblioteca do Losada foron entregados os diplomas a finalistas e gañadores e gañadoras do Concurso de Microrrelatos e Micropoemas do noso centro. 

O alumnado do Losada participou na XII edición do certame literario dos centros educativos da Estrada, que nesta ocasión homenaxeaban as nosas  pandereteiras e á literatura oral e popular.

Os resultados do noso centro foron os seguintes:

MICROPOEMAS
PALABRA ESCOLLIDA: POBO
 
CATEGORÍA B1
Finalistas: Lois Fieiro Ameijeiras,  Pablo Cibeira Casal
Gañador: Hans Nicholas Peñaranda Gómez
 
CATEGORÍA B2
Finalistas: Sarela Picallo Pisos  e Antía Campos Rodríguez
Gañador: Álvaro Fuentes Deidda
 
CATEGORÍA C
Finalistas:Lara Rey Rosende e Xenxo Collazo López
Gañadora:Adelaida Vilariño Gómez
 
MICRORRELATOS
PALABRA ESCOLLIDA: PANDEIRETA
 
CATEGORÍA B1
Finalistas: Iván Carbia Porto e Nicolás Silva Rey  
Gañadora: Lidia Márquez Méndez
 
CATEGORÍA B2
Finalistas: Marcela Campos Rodríguez e Ainhara Mata Lea
Gañadora: Sarela Picallo Pisos
 
CATEGORÍA C
Finalistas: David Otero Romero e Paula Coto Morrazo 
Gañadora:Uxía Seoane Duro

Os traballos gañadores serán publicados nun libro conxunto cos centros de ensino de DINAMIZAESTRADA que lles será entregado aos seus autores e autoras na XII Festa das Palabras que se celebrará no mes de maio no Teatro Principal da Estrada.

Podes ver todas as fotos da entrega picando nesta imaxe:


 

 

 

luns, 24 de febreiro de 2025

AS NOSAS ESCRITORAS. SUSANA SANCHES ARINS NO LOSADA

O pasado 28 de xaneiro, dentro do ciclo dedicado a escritoras de noso, recibimos a visita da escritora Susana Sanches Arins, profesora no CPI de Cuntis e moi vinculada ao noso concello. Foi para ter unha proveitosa charla e coloquio co alumnado de 2º bacharelato, sobre a súa novela Seique, na Biblioteca do Losada.



MÁIS CIENCIA EN GALEGO NO LOSADA


O Departamento de Física e Química continúa co labor de divulgación científica no noso idioma. Dúas foron as actividades realizadas recentemente:

A primeira delas foi a charla dirixida a alumnado de bacharelato de Jose Benito Vázquez Dorrio da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de vigo. Nesta ocasión agasallounos cunha atractiva charla sobre Física Re-creativa: Espectroscopía e Difracción.

A segunda serviu ademais para celebrar o Día da muller e a nena na ciencia. Nesta ocasión a profesora e doutora tamen da EScola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, Raquel Pérez Orozco, faloulle ao alumnado de 3º ESO sobre A muller na enxeñaría. Aprendemos moito sobre o papel, moitas veces ignorado, das mulleres na ciencia. Tivo lugar o xoves 20 de febreiro.



luns, 13 de xaneiro de 2025

PARTICIPA NO XII CONCURSO DE MICROPOEMAS E MICRORRELATOS DINAMIZAESTRADA

Un ano máis  poñemos en marcha o Concurso de microrelatos e micropoemas organizado por DINAMIZAESTRADA, Equipos de Dinamización Lingüística dos Centros Educativos da Estrada. Este curso cumprimos xa 11 convocatorias do concurso e da Festa das Palabras.

Este ano as palabras escollidas foron: PANDEIRETA, para os microrrelatos, e POBO para os micropoemas, en homenaxe as cantareiras e á musica e cancións de tradición popular, a quen se dedican as Letras galegas 2025.

Aquí podes ler, descargar, imprimir... as bases do certame. ANÍMATE E PARTICIPA!!!

Bases XII Concurso de Micro... by elogolosada

mércores, 8 de xaneiro de 2025

XA PODES DESCARGAR O ALMANAQUE DO 2º TRIMESTRE 2024-2025



XA ESTÁ Á TÚA DISPOSICIÓN O ALMANAQUE COMPLETO DO 2º TRIMESTRE!!!

Neste curso, como fixemos no primeiro trimestre, cada mes está dedicado a un grupo ou interprete musical feminina da música galega contemporánea, e aínda quedou sitio para incluír un refrán do mes.

Seguimoscon Tanxugueiras, Sés e Mercedes Peón.

Xa está nas aulas, pero aquí, podes descargar e imprimir o teu almanaque:
 

Almanaque EDL-LOSADA_24-25-2ºT by elogolosada