xoves, 28 de xaneiro de 2021

CELBRAMOS O DÍA DE CASTELAO

Como todos os cursos, celebramos este 30 de xaneiro o Día de Castelao. A Biblioteca, o Departamento de Lingua Galega, e o EDLG propoñen unha serie de actividades arredor da súa obra e a súa figura. Podes consultalas no blogue da Biblioteca do Losada, picando na imaxe:

Castelao e a estradense Virxinia Pereira 
o día do seu casamento (1912)

xoves, 7 de xaneiro de 2021

XA ESTÁ AQUÍ O ALMANAQUE DO SEGUNDO TRIMESTRE. BENVIDO 2021


Comezamos o ano ofrecéndoche o calendario do segundo trimestre deste curso. Continuamos dedicándolle os diferentes meses a persoas senlleiras da nosa cultura. Recordámosche ademais as efemérides máis salientables de cada mes.  Estes contidos foron escollidos por Andrea Mosteiro Sanxiao, alumna do EDLG, que cursa 2º BAC.

A continuación podes descargar e imprimir o calendario deste segundo trimestre:

calendario20-21-2t by elogolosada

mércores, 30 de decembro de 2020

VISITA VIRTUAL Á EXPOSICIÓN GALICIA, DE NÓS A NÓS

 
 
O alumnado de 2º Bacharelato do Losada tivo a ocasión de facer unha visita virtual, ao non ser posible facelo de xeito presencial na Cidade da Cultura de Galicia, á mostra Galicia, de Nós a nós. Un magnífico percorrido por un dos momentos máis importantes da historia social e cultural do noso país no século XX.

A actividade tivo lugar o xoves, 10 de decembro ás 10.00, para un grupo de alumnos/as, e venres 18 de decembro, ás 12.30 h, para o outro grupo.

Máis info sobre a mostra: GALICIA, DE NÓS A NÓS

 

mércores, 16 de decembro de 2020

NADAL 2020 EN GALEGO



Un ano máis o EDLG e a Biblioteca do Losada publican as súas propostas para escoitar e ler en galego este Nadal.
Podes descargar o cartel e imprimilo, se queres, aquí:

Un Nadal en Galego 2020 by elogolosada

mércores, 2 de decembro de 2020

SEGUIMOS A CELEBRAR O MES DA CIENCIA EN GALEGO NO LOSADA

 O pasado luns seguimos a celebrar a ciencia en galego. O alumnado de 4º ESO asistiu á videoconferencia programada para ese día a cargo do profesor e comunicador Xacobo de Toro. Unha interesantísima e entretida aproximación á realización e difusión de vídeos científicos. 

Tomamos nota para poder chegar a ser algún día youtubeir@s científic@s. 





venres, 20 de novembro de 2020

Mostra de ilustracións dos personaxes do SCÓRPIO no Losada, por Rosa de Cabanas

Letras Galegas 2020 no Losada

A deseñadora estradense, Rosa de Cabanas, expón as súas ilustracións de Scorpio, de Carvalho Calero no IES Losada Diéguez.

Desde hai uns días e ata a finais da semana que ven, o remozado corredor da biblioteca do Losada acolle a mostra de ilustracións realizada pola deseñadora ouzandesa. A mesma componse de 34 ilustracións centradas nos 34 personaxes que constitúen as voces narrativas da novela do autor ferrolán, homenaxeado neste atípico ano das Letras Galegas. A orixe do proxecto da ilustradora tivo lugar no traballo realizado para a Através editora que realizou unha edición especial para este ano das Letras.

A mostra completouse coa visita que a autora realizou hoxe ao centro, para explicar ao alumnado de 2º de Bacharelato, lector da novela, os pormenores e segredos do seu traballo ilustrador.

A actividade estivo organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua galega e pola biblioteca do centro.

Aí quedan algunhas imaxes:






xoves, 19 de novembro de 2020

Celebramos o Mes da ciencia en galego no Losada. (I)

 O pasado luns, 16 de novembro, celebramos a primeira actividade de celebración do Mes da ciencia en galego. O alumnado de 1º Bacharelato participou na videoconferencia da prestixiosa neurocientífica galega, Sonia Villapol, que nos falou desde o seu centro de traballo en Houston de que "Só a ciencia nos rescatará da pandemia". Magnífica charla que foi seguida con moita atención por todo o alumnado.

A científica galega forma parte do Equipo de Investigación Internacional da COVID-19.

Aí quedan algunhas imaxes do evento nas aulas de 1º BAC, así como o vídeo da charla.