xoves, 22 de decembro de 2022

NADAL EN GALEGO

Un ano máis, o EDLG do Losada propónche unha serie de novidades para ler, ver ou escoitar e sempre gozar na nosa lingua. Agardamos que gustes.

Podes descargar o cartel aquí:

Nadal en galego. 2022 by elogolosada

mércores, 21 de decembro de 2022

CIENCIA EN GALEGO NO LOSADA. AS MULLERES NAS CIENCIAS

O pasado 15 de decembro, o alumnado de 3º e 4º ESO participou activamente na charla de Xoana Pintos, catedrática en Bioloxía pola USC. Falou sobre as mulleres na ciencia, as súas grandes achegas, a invisivilidade de tantas. A actividade, organizada polo Dto de Física e Química tamén formou parte da programación do EDLG arredor do mes da ciencia en galego.




 

TEATRO E MÁIS TEATRO NO LOSADA

Aproveitamos esta publicación para reseñar as dúas actividades teatrais que teñen que ver co EDLG do Losada e que se realizaron no 1º trimestre

PARTICIPACIÓN NO V CERTAME DE TEATRO ESCOLAR "OLIMPIO ARCA"

O pasado 30 de novembro un un grupo de rapaces e rapazas da Aula de Teatro, Avelaíñas, do Losada participou na V Mostra de teatro Escolar Olimpio Arca Caldas, cunha adaptación do poema "Queridiña dos meus ollos" de Rosalía de Castro, realizada polo director do grupo Fran Campos No Teatro Principal da Estrada. Aplausos merecidos para a súa posta en escena.

Aí queda o vídeo da obra e unhas imaxes:



 

OS QUINQUILLÁNS NO LOSADA

O pasdado martes 13 o grupo Os Quinquillánsa puxo en obra A señora de Forcadela,  co patrocinio do programa O pasado por vir da Deputación de Pontevedra. Magnífica e emotiva reflexión sobre as vítimas da represión da ditadura franquista a partir da recreación da vida e sufriemento da mestra Josefa García Segret.

Aí quedan algunhas imaxes do evento:






xoves, 1 de decembro de 2022

EN MARCHA O A X FESTA DAS PALABRAS. CONCURSO DE MICROPOEMAS E MICRORRELATOS DINAMIZAESTRADA

Imaxe con gañador@s do Losada na anterior edición

 Xa está convocado o concurso de microrelatos e micropoemas organizado por DINAMIZAESTRADA, Equipos de Dinamización Lingüística dos Centros Educativos da Estrada. Este curso cumprimos xa 10 convocatorias do concurso e da Festa das Palabras.

Este ano as palabras escollidas foron: CAMIÑO, para os microrrelatos, e ESPELLO para os micropoemas, en homenaxe aos títulos do autor escollido para as Letras Galegas do 2023, Francisco Fernández del Riego.

Aquí podes ler, descargar, imprimir... as bases do certame. ANÍMATE E PARTICIPA!!!

Bases X Concurso de Microrr... by elogolosada

martes, 29 de novembro de 2022

V MOSTRA DE TEATRO ESCOLAR OLIMPIO ARCA CALDAS

Despois de dous anos de parón forzoso, volve a mostra de Teatro escolar Olimpio Arca Caldas, en memoria do querido profesor, escritor e animador teatral.

Mañá mércores, as 18:30h, imos nós, a Aula de teatro do Losada, Avelaíñas Teatro, cunha adaptación do poema "Queridiña dos meus ollos" de Rosalía de Castro, realizada polo director do grupo Fran Campos. 

A entrada é gratuíta. Anímate.

sábado, 19 de novembro de 2022

Xa coñecemos os premios do Concurso de epitafios

 Despois do grande éxito de participación e de calidade dos traballos presentados no concurso de epitafios, xa coñecemos os premios do evento.

O pasado xoves 17 de novembro, tivo lugar a entrega dos premios nas dúas categorías: votación popular en Instagram e premios do xurado do EDLG.

                                                             Imaxe da Biblioteca do Losada na entrega de premios

Premios outorgados polo público a través de Instagram:
1º Ángela Cabanas Gestoso e Nerea Campos Rodríguez (2ºESO A)
2º Lúa Mariña Fernández Fernández (2ºESO B)
3º Antía Buela Bugallo e Iria Requeijo Vilariño (2ºESO A)

Premios outorgados polo EDLG
1º Brais Nogueira Corral (2ºESO B)
2º María Victoria Tarrío Pampín (2ºESO B)
3º Alejandra Vega Eiras (2ºESO B)

Parabéns a todos e a todas as premiadas


mércores, 2 de novembro de 2022

Concurso de epitafios

 Neste día dos mortos podes gozar na biblioteca do Losada cos magníficos traballos presentados ao concurso de epitafios dirixido ao alumnado de 2º ESO. Moita orixinalidade e moito humor, aínda que sexa negro.

Podes totas as creacións AQUÍ

Tamén podes participar na votación para elixir os mellores traballos na nosa nova conta de INSTAGRAM.

EDLGIESLOSADADIÉGUEZ

domingo, 16 de outubro de 2022

XA PODES DESCARGAR O ALMANAQUE DO 1º TRIMESTRE!

Un curso máis o EDL do Losada ofréceche unha ferramenta útil para organizáreste mellor: o almanaque mensual, que nesta edición recolle unha personaxe da nosa cultura, cunha cita da mesma,  e as datas máis sinaladas e celebracións do mes. Ademais cun novo e atractivo deseño!!! 

Comezamos cos meses do primeiro trimestre: outubro, novembro e decembro.

Xa está nas aulas, pero aquí, podes descargar e imprimir o teu almanaque:
 

AlmanaqueLosadaDieguez1ºtri... by elogolosada

martes, 27 de setembro de 2022

VEN FACER TEATRO CON NÓS.

 

A AULA DE TEATRO AVELAÍAS dá comezo as súas actividades no presente curso 2022-2023. Todo o alumnado interesado en informarse da iniciativa está convocado a unha reunión o mércores 28 de setembro ás 12:25 no salón de usos múltiples. Presentaremos os horarios, obxectivos e características da activiade así como ao director da aula de teatro, o actor e dinamizador Fran Campos, que xa estivo con nós o curso pasado.

Se che gusta facer teatro ou probar a experiencia, achégate!

martes, 21 de xuño de 2022

A REVISTA DO LOSADA PARA TI

Desde este luns xa circula de man en man a nosa publicación. Moitas páxinas con artigos, entrevistas, reportaxes, ilustración, creación, unha fermosa capa a toda cor deseñada por Lucas, Uxía R. e Gris.

Se aínda non a tés, fai por conseguila. E se queres descargala a toda cor podes facelo aquí:

Revista ELOGHO? 2022 by elogolosada

martes, 14 de xuño de 2022

AVELAÍÑAS TEATRO PON EN ESCENA O SEU ÚLTIMO PROXECTO DO CURSO

 O salón de usos múltiples do Losada serviu de escenario para a posta en escena do último proxecto teatral da aula de teatro do Losada, Avelaíñas. Foi a pasada tarde do 14 de xuño cando o grupo representou a obra Porteira es ti. Moitas risas pero tamén moita reflexión sobre un tema tan importante como a violencia de xénero.

Parabéns a todos os compoñentes do grupo e ao seu director Fran Campos que levaron adiante tres proxectos teatrais neste curso, ademais de facer un traballo dinamizador teatral moi importante.

Aí quedan algunhas fotos da representación.












ENTREGA DE PREMIOS DO CONCURSO FOTOGRÁFICO DAS LETRAS GALEGAS

 O venres 3 de xuño entregáronse os premios aos finalistas do concurso fotográfico Florencio Delgado das Letras Galegas 2022. Este foi o fallo do Xurado:

FALLO DO XURADO DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA FLORENCIO DELGADO

LETRAS GALEGAS 2022

O Xurado do Concurso de Fotografía Florencio Delgado das Letras Galegas 2022 valorou moi positivamente a calidade  dos traballos presentados ao certame.

O xurado quere facer felicitar todas os participantes polo traballo realizado.

A elección dos gañadores e gañadoras foi realizada por votación de 20 representantes do profesorado e doutros sectores da comunidade educativa do Losada.

Así, unha vez feito o reconto de votos,  o xurado decidiu outorgar as seguintes mencións e premios:

-Mención para as fotografías finalistas, que recibirán un diploma acreditativo, unha ilustración de Maruja Roca, fotógrafa galega dos anos 40 do século XX,  realizada pola ilustradora Rosa de Cabanas.  As autoras e autores son:

En quinto lugar, Noa Durán Costas de 4º ESO

en cuarto lugar, Adán Cutrín Otero de 1º ESO

en terceiro lugar, Giovanni Cavalli Caeiro de 4º ESO

e en segundo lugar, Xabier Ferro Miranda de 4º ESO

-E primeiro premio do concurso, que recibirá un diploma,  unha ilustración de Maruja Roca, fotógrafa galega dos anos 40 do século XX,  realizada pola ilustradora Rosa de Cabanas e un libro de banda deseñada en galego para:

Carmen Ruibal Picáns de  4º ESO

                                                                   Finalistas do concurso (Foto Laura Piso)

 

xoves, 2 de xuño de 2022

O LOSADA NA IX FESTA DAS PALABRAS

 O pasado mércores, 25 de maio, tivo lugar a novena edición da Festa das Palabras organizada polos equipos de dinamización lingüística dos centros educativos da Estrada (DINAMIZAESTRADA).

O noso centro tivo unha moi boa representación na mesma, pois ademais dos premiados e premiadas por cada categoría, subiron tamén ao escenario as profes Carmen e Inés para entregar premios.

E non esquecemos que nesta edición a presentación e conducción, maxistral por certo, da festa foi realizada por Cristian e Inés, de 2º Bacharelato do noso centro.

Aí quedan imaxes do noso paso pola festa:

Podes ler unha completa crónica e ver as fotos e vídeo da IX Festa das Palabras na web de DINAMIZAESTRADA

mércores, 1 de xuño de 2022

ESTREA DO NOTICIARIO LOSADA DO PROXECTO DINAMIZA TV

 Hoxe, mércores 1 de xuño de 2022, ás 12 da mañá na canle de Youtube do Concello da Estrada, tiña lugar a estrea do Noticiario Losada, que se fixo dentro do proxecto Dinamiza TV impulsado polo Concello da Estrada.

O noticiario foi realizado por un grupo de alumnos e alumnas de 3º de ESO, que traballaron nos últimos meses na selección de temas, gravación de reportaxes e por fin na gravación do noticiario no Teatro Principal da Estrada.

Aí quedan imaxes do proceso e o vídeo. Parabéns polo traballo!!!




domingo, 22 de maio de 2022

CHEGA A IX FESTA DAS PALABRAS DINAMIZAESTRADA

 
Despois de dous cursos cunha celebración restrinxida e unha entrega simbólica dos premios dos concursos literarios, volve a Festa das palabras na súa plenitude. No Teatro principal da Estrada o próximo mércores 25 de maio ás 20:30 horas.
 
Na festa serán entregados os premios do concurso de microrrelatos (palabra loita) e micropoemas (palabra infinda). Alí estarán os rapaces e rapazas do Losada gañadoras en cada categoría:
Jonay Pardal Hernández, Alba Alvarellos Pose,  Sabela Bragaña Rodríguez 
Nerea Campos Rodríguez, Xabier Ferro Miranda e Claudia Teixeira Barros
 
Cómpre destacar que a festa será presentada e conducida por Cristian Rivadabia Iglesias e Inés López Pose, de 2º Bacharelato do noso centro. 
Podes informarte de todos os detalles desta celebración no blog de DINAMIZAESTRADA

martes, 17 de maio de 2022

LETRAS GALEGAS 2022


O presente ano das letras galegas está dedicado ao escritor Florencio Delgado Gurriarán, do que podes saber moitas cousas premendo AQUÍ 

No Losada estamos a voltas cos seus poemas e as imaxes que nos suxiran.

 Podes consultar máis info sobre o concurso no BLOG DA BIBLIOTECA

Exposición sobre Florencio Delgado G. no corredor da biblioteca

luns, 28 de marzo de 2022

Publicado o calendario do terceiro trimestre do curso 2021-2022


Xa está aquí  calendario dos últimos tres meses deste curso. Continuamos dedicándolle os diferentes meses a persoas senlleiras da nosa sociedade, ciencia, cultura, e das nosas letras. Recordámosche ademais as efemérides máis salientables de cada mes. Agardamos que che sexa útil e moito ánimo para esta última parte do curso!

A continuación podes descargar e imprimir o calendario deste terceiro trimestre:

Calendario 3º trimestre 202... by elogolosada

martes, 22 de febreiro de 2022

23 de abril. Día de Rosalía no Losada

 Despois de que a última documentación descuberta recentemente testemuñe que o verdadeiro día de nacemento de Rosalía de Castro foi o 23 de febreiro de 1837, imos celebrar logo esta data, como todos os anos.


 Como ves, este ano a celebración vai ser teatral. Un grupo de 8 rapaces e rapazas que forman parte da Aula de Teatro do Losada, Avelaíñas, van poñer en escena dúas pezas baseadas en poemas de Rosalía de Castro: Miña santiña, e Queridiña d´os meus ollos, adaptadas polo director do aula, Fran Campos. O alumnado de 1º e de 2º ESO foi o escollido para poder gozar co espectáculo. Prometemos fotos.

domingo, 13 de febreiro de 2022

LINGUA DE AMOR 2022

Chegou febreiro e con el o casamento dos paxariños e o valentín a guindar frechas. Un ano máis achegamos un poema de amor na nosa lingua e un vídeo con diferentes versións musicais do mesmo. Este ano escollemos a Castelao, e o seu poema Lela. Aí queda o texto:

Se queres descargalo en PDF, podes facelo picando AQUÍ


E SE O QUERES CANTAR, AÍ TES O VIDEO QUE PREPARAMOS ESTE ANO:

domingo, 9 de xaneiro de 2022

O almanaque do 2º trimestre


 Comezamos o 2022 cunha nova entrega do calendario do EDLG, que che pode axudar a organizáreste e co que podes aprender algunha cousiña sobre a nosa cultura e historia.

Podes descargalo e imprimilo aquí:

Calendario 2021-2022 2º tri... by elogolosada

sábado, 8 de xaneiro de 2022

Así foi a estrea de Avelaíñas teatro neste curso 2021-2022

 O pasado 21 de decembro pola tarde, xusto antes das vacacións de Nadal, produciuse a posta en escena do traballo realizado pola aula de teatro Avelaíñas no primeiro trimestre. O numeroso grupo, formado principalmente por alumnado de 1º ESO, pero tamén de 2º e 3º representou un total de 6 pezas que tiveron como fío condutor o Nadal. Moito bo facer e moita diversión da que gozou o resto do alumnado da ESO do centro, a cargo deste magnífico grupo de rapaces e rapazas dirixidas por Fran Campos. Parabéns. Aí queda algunha imaxe. Podes ver máis no blog da Biblioteca.