sábado, 30 de maio de 2015

As fotos do Correlingua 2015.

Unha fermosa mañá de sol acolleu a máis de mil rapaces e rapazas da Estrada, Forcarei e Silleda que celebraron o Correlingua. E a pancarta do Losada, trunfou.

As mellores fotos:

 Saída do IES Antón Losada

 Grupo de gaitas do Losada e do Número Un

 Lectura colectiva do manifesto

 Marcos Borrageros lendo un texto da súa autoría

 Actuación de Bocinazo

 Antía e Laura, de 4º, recollen o diploma e os agasallos

 A pancarta do Losada destacou no Correlingua



















martes, 26 de maio de 2015

Letras galegas 2015. Clube de lectura e Obradoiro de poesía.

Este martes, 26 de maio, a poetisa María Lado dirixirán dous obradoiros de poesía, un co Club de Lectura (ver cartel) e outro cos grupos de 2º da ESO, ás 16,30, unha actividade organizada conxuntamente entre o Club de Lectura, a Biblioteca e o Equipo de Normalización. Ambos obradoiros celebraranse na biblioteca.
Blog do Club de lectura: Retelladores do Galiñeiro



luns, 25 de maio de 2015

O IES ANTÓN LOSADA NA II Festa das Palabras

Hoxe martes 26 de maio, ás 20:30 h, o Teatro Principal da Estrada acollerá a celebración da II Festa das Palabras. Traballando Xuntos. No mesmo entregaranse os premios aos 60 rapaces e rapazas gañadores nas diversas categorías do Concurso de Micropoemas e Microrrelatos. Os dez centros educativos do concello estarán representados en todas as categorías. O premio consistirá no libro en que se recollen os traballos premiados. O IES Antón Losada Diéguez estará representado cos premiados en todas as categorías: Uxía Rodríguez, Lorena Rodríguez, Julen Vila, Antía Sala, Agustín Vázquez e Cristina Núñez. Así mesmo, os encargados da presentación desta festa serán María Bastida e Marcos Borrageros, de primeiro de Bacharelato e alumnos do noso centros. A Festa contará coa presenza da escritora Fina Casalderrey, que será a madriña do acto. A nota musical será posta polo cantautor marinense Samu. A Festa está organizada polos Equipos de Dinamización Lingüística dos Centros de Ensino da Estrada.

 Cartel da Festa (Rosa de Cabanas)

Presentación da Festa e do Libro (foto Cultura, Concello)

 Premiados e premiadas do IES Antón Losada Diéguez











Así se fixo... nun minuto. O video da pancarta QUÉROTE NA MIÑA LINGUA

Nun minuto. Que o desfrutes

domingo, 24 de maio de 2015

IMOS AO CORRELINGUA

Hoxe luns, terá lugar polas rúas da Estrada o Correlingua, que foi suspendido o pasado día 8 pola chuvia. Alá imos coa nosa pancarta.


LETRAS GALEGAS 2015. Teatro no Losada.

Eleuterio recuperou o sorriso. Este é o título da obra de teatro representada polo grupo de teatro de 6º do CEIP de Figueiroa que o pasado venres 22 representou no Salón de Actos do IES Antón Losada.
O público, que enchía o auditorio, premiou cunha prolongada ovación o traballo dos rapaces e rapazas de Figueiroa, futuros alumnos/as do Losada, que ademais pasaron unha mañá divertíndose polas dependencias do Centro.




xoves, 21 de maio de 2015

CONCERTO DE "NAI" NO LOSADA

Hoxe pola mañá o alumnado do Losada asistente ao Concerto das Letras, a cargo do trio NAI non puido resistir a tentación e rematou bailando ao son dos ritmos tradicionais e propios desta estupenda formación, da que fai parte o ex-alumno do Losada, Fofi Martíns. Marcos e Patricia, os outros compoñentes, tamén deixaron boa mostra da súas cualidades musicais. 
Letras populares do cancioneiro galego e portugués, xunto con outras de creación propia fixero as delicias do auditorio, que ovacionou especialmente a actuación da gaiteira de 4º, Inés Bugallo, que subiu ao escenario para tocar dúas pezas, convidada polo grupo.

O concerto rematou con gran parte do público bailando no Salón de Actos do Losada.





mércores, 20 de maio de 2015

Letras galegas 2015. A maxia das letras co Mago Toño.


A maxia está nos libros, e tamén nas letras. E na lingua. Magnífico e divertidísimo espectáculo o que ofreceu esta mañá o Mago Toño ao alumnado de 1º e 2º ESO. Comezaba a semana das Letras 2015 no Losada.

Aí queda unha pequena mostra gráfica:

Expectación antes da actuación

A profe Chus demostrando as súas habilidades

Diego foi un dos colaboradores do Mago Toño

O público, moi participativo, gozou coa maxia das letras.




GALEGAS NAS LETRAS 2015


E Logho! Losada celebra este ano as GALEGAS NAS LETRAS, iniciativa do colectivo A SEGA, que procura a visibilización das mulleres escritoras na nosa lingua.
Editouse un folleto informativo, carteis e a Biblioteca dedica o seu andel de trinque as Galegas nas Letras.




















Podes descargar a folla informativa para imprimir:

venres, 8 de maio de 2015

A praia dos Afogados. O video.

Aí queda o video da ruta da novela de Domingo Villar. Foi o pasado 21 de abril, en colaboración co Departamento de Galego e co Club de lectura.