martes, 26 de marzo de 2019

Xa temos gañadoras e gañadores do Concurso de Micropoemas e Microrrelatos 2019





Esta mañá entregamos na Biblioteca do Losada os diplomas dos finalistas e gañadores e gañadoras do Concurso de Microrrelatos e Micropoemas do noso centro. Estes foron os premiados:


MICRORRELATOS: lenda
Categoría 1º e 2º ESO

Finalista: Nayara Constenla Fins 2º ESO
Gañador: Alejandro Barcala Iglesias 1º ESO

Categoría 3º e 4º ESO
Finalista e gañador: Yassine Ani 2º FPB Servizos Administrativos

Categoría Bacharelato e Ciclos
Finalistas: Alba Navia Carballo 1º BAC e Laura Silva Picallo 1º BAC
Gañador: Telmo Leira Loureiro


MICROPOEMAS: serán
Categoría 1º e 2º ESO
Finalistas: Nuria García Ruibal 2º ESO e Alexandra Paz Carracedo 1º ESO
Gañadora: Eva Cobas Iglesias 2º ESO


Categoría 3º e 4º ESO
Finalistas: Eva Rocamonde Darriba 3º ESO e Luis Ruibal Picáns 3º ESO
Gañadora: María Ribadavia Uzal 4º ESO

Categoría Bacharelato e Ciclos
Finalistas: David Sueiro Durán 2º BAC e María Souto Calvelo 2º BAC
Gañadora: Celia Astorga Herraiz 1º BAC

En hora boa a tod@s!


Ademais, fíxose pública a acta do xurado do VI Concurso de micropoemas e microrrelatos dos Centros de Ensino da Estrada, no que participan os EDLG do CEIP Pérez Viondi, o CEIP Villar Paramá, CEIP Pérez Viondi, CEIP Cabada Vázquez, CPR Plurilingüe N. Sra. de Lourdes, CEIP Plurilingüe de Oca, CEIP do Foxo, CEIP de Figueiroa, IES Nº 1, IES Manuel García Barros e IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez. Podes consultar a acta e coñecer todos os gañadores e gañadoras en DinamizaEstrada.
O xurado do certame reunido no CEIP Pérez Viondi

Linguas, todas, para andar polo mundo

Derreadiñ@s vimos despois da nosa estadía en Francia, en intercambio co Collège du Houlme, na Normandía. Unha experiencia de convivencia e aprendizaxe que, abofé, non nos vai esquecer. Da man de O Principiño realizamos este ano unha viaxe fermosa co alumnado de 1º da ESO, compartindo unha semana con familias francesas e co centro escolar de Briouze coa axuda das linguas e das ferramentas de expresión que nos regala o teatro. Aí vos vai a crónica da nosa viaxe!



O domingo 17 de marzo saímos para París. Foi para algúns dos alumnos a primeira viaxe en avión. A chegada de noite a París ben merecía un paseo para vermos a Tour Eiffel iluminada.


Pola mañá erguémonos canda os panadeiros para coller o tren para Briouze. Despois dunha soneca no primeiro tramo, logo nos puxemos mans á obra. Tiñamos aínda moito texto por preparar. Levamos nas mochilas un proxecto ambicioso: poñer en escena, co alumnado francés, unha adaptación trilingüe galego-castelán-francés de O Principiño, de Saint-Exupéry. As partes en francés déronnos bo traballo, aínda que fosen expresións doadas que xa abordamos nas aulas. Pero, aos poucos, fomos logrando dicilas con bo acento e naturalidade. Todo é poñerse!



A media mañá, chegamos a Briouze. A chegada ao collège foi emocionante. O alumnado e o profesorado do centro preparáronnos unha acollida activa, con xogos de grupo que nos meteron de cheo a compartir cos novos compañeiros. Percorremos Briouze ás carreiras buscando pistas. E, cando nos demos de conta, estabamos a parolar amigablemente no patio do collège.




Os alumnos e alumnas galegos integráronse nas clases de Historia, Inglés, Español, Matemáticas... É curioso descubrir como se parecen ás nosas e, ao mesmo tempo, cantas cousas distintas: nos tratamentos de cortesía co profesorado, na organización de patio, nos timbres, que aquí son música para advertir dos cambios de aula... E, polo medio, os primeiros ensaios de teatro. As propostas de expresión corporal de Afonso póñennos en contacto físico e en conexión humana directa. O grupo xa está feito nunhas poucas horas. O teatro é máxico.





No medio da semana, tamén tivemos tempo para descubrir algúns lugares especiais próximos a Briouze. Onda o profesorado e alumnado francés coñecemos monumentos históricos da comarca e mesmo chegamos ao Mont Saint Michel e a Saint Malo, xa nas portas da Bretaña.





Despois da actividade a semana, o venres chegou o día da estrea da obra. As familias acudiron todas ao Espace Culturel para ver os primeiros resultados do traballo. Queda aínda moito por ensaiar. Esa segunda parte da tarefa será a finais de abril, cando o alumnado francés veña visitarnos á Estrada. Ao final da función houbo apertas e xa as primeiras bágoas. Xúntanse as emocións dunha semana verdadeiramente intensa.




O sábado pola mañá despedímonos das familias. Briouze é unha vila pequecha. A acollida foi tan cálida coma a despedida. Marchamos agradecidos e con gana de acollelos cando veñan. Diso vai esta viaxe arredor do Principiño: de coñecer, de mirar outros "planetas" e de non perder a capacidade de sorprendernos na viaxe. 
A fin de semana en París foi un bo peche. Agora xa estamos de volta. Queda aínda moito traballo por facer na segunda parte deste intercambio. Darémolo todo para que saia tan ben coma esta primeira. A tout à l'heure !