martes, 15 de decembro de 2015

TEATRO DE NADAL NO LOSADA

Mañá mércores, 16 de decembro, chegarán os Reis Magos ao IES Antón Losada Diéguez. Será da man do grupo de teatro de 2º de Primaria do CEIP Figueiroa. Ademais de interpretar a panxoliña Con un sombreiro de palla, porán en escena a obra Un conto de Nadal. Ao evento asistirá o alumnado de 3º de ESO e mais os compoñentes do grupo de teatro do Losada, Avelaíñas Teatro.
Aí quedan as imaxes do bonito escenario que hoxe montaron os papás e mamás dos rapaces e rapazas de Figueiroa. Moi bonito. Parabéns para eles polo seu compromiso e para a profe Carme Sánchez.



luns, 14 de decembro de 2015

NADAL EN GALEGO 2015

Por segundo ano, ofrecémosche unha listaxe de obras para leres e gozares este Nadal.


Aquí podes descargar ou imprimir o folleto:

As palabras de Neira Vilas I

O pasado venres, 4 de decembro, as palabras de Neira Vilas soaron nas voces do alumnado e profesorado do Losada. Foi na Biblioteca. Aquí queda algunha foto. Axiña publicaremos o video da actividade. Tamén se realizou, por parte do alumnado de 2º e 3º unha mostra de grandes postais NEIRA VILAS con frases do escritor de Gres, falecido recentemente. Salientamos tamén o fermoso texto escrito por Uxía Rodríguez Nebra, de 2º ESO, sobre o seu emotivo encontro co escritor na Biblioteca de Guimarei. Podes lelo no blog da Biblioteca, aquí.


xoves, 3 de decembro de 2015

cantámoslle a #obalconderosalía, o vídeo

Aí vai o vídeo da homenaxe musical que lle fixo o coro do IES Antón Losada o pasado sábado a #obalconderosalía, realizado e montado polos alumnos e profesores do Ciclo de carpintaría e moble do Instituto. Vai por eles.



E tamén o vídeo "Como se fixo #obalconderosalía

HOMENAXE A NEIRA VILAS NA BIBLIOTECA


O pasado sábado despedimos a Xosé Neira Vilas para sempre. Porén, ás súas palabras ficaran para sempre con nós.
Anótate na Biblioteca do Losada para participares na lectura de textos de Neira Vilas deste venres, en calquera dos recreos.

sábado, 28 de novembro de 2015

CELEBRANDO A PATROA DA MÚSICA CON CANCIÓNS GALEGAS



Cancións en galego para a celebración da Santa Icía


O Departamento de Música, en colaboración co Departamento de Galego e o de Actividades Extraescolares, organizou este venres, 27 de novembro de 2015, un Concerto Didáctico con motivo da celebración do día da patroa da Música.


O repertorio foi variado e ameno... dende espirituais, cancións galegas, bandas sonoras e versións de cancións actuais. O programa do concerto será interpretado polo "Cuarteto Victoria", catro voces mixtas con acompañamento de piano.


Na actividade participaron 100 alumnos e alumnas de Ciclos Formativos, 3º Eso e Bacharelato.




mércores, 18 de novembro de 2015

TRATÁMONOS BEN. V Concurso de fotografía e relato curto 25 N

Está o prazo aberto para participares na quinta edición dos concursos de relato e fotografía con motivo do Día contra a violencia machista. Anímate.

xoves, 5 de novembro de 2015

EXITOSA VIDEOCONFERENCIA DE XURXO MARIÑO NO VI DÍA DA CIENCIA EN GALEGO



Con motivo da celebración do VI Día da Ciencia  en Galego a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística promoveu unha videoconferencia vía web na que o coñecido profesor da Universidade da Coruña, e recoñecido divulgador da ciencia para todos os públicos, Xurxo Mariño, expuxo de xeito ameno todas as cuestións relativas á poderosa máquina que temos nas nosas cabezas.
Baixo o título de A MÁQUINA QUE CONSTRÚE A MENTE E A REALIDADE o afamado científico galego, autor de varias publicacións e promotor dos Cafés científicos e dos Discurshows, disertou sobre todo o que somos cada un de nós, o que percibimos, o noso "eu", as emocións cotiás, todo iso é unha construción elaborada por unha máquina que levamos dentro do cranio: o encéfalo. Aí dentro temos miles de millóns de células, as neuronas, que utilizan a electricidade para comunicarse entre elas e, dese xeito, crear a mente e a realidade. Como funciona esa máquina da mente? A onde vai o "eu" cando durmimos? Poden construírse máquinas artificiais que teñan mente?
Tamén respondeu a numerosas e interesantes preguntas que tiveron ocasión de facerlle, vía twitter, os máis de 6000 alumnos e alumnas de máis de 100 institutos de Galicia que participaron simultaneamente na video conferencia realizada en directo desde a Universidade da Coruña. 



Mesmo contestou, de entre as centos de preguntas recibidas, unha realizada por dúas alumnas de 4º de ESO, Laura e Alanis, que cuestionaron sobre a sensación que ás veces temos as persoas de ter algo vivido noutra ocasión (o "déjà vu"). Os soños, a curación de enfermidades neuronais, a realidade virtual,... foron outros temas aos que o relator deu cumprida resposta.



A actividade cumpriu o obxectivo principal de achegar ao alumnado á cuestións de relevancia científica, no noso idioma, como vehículo de comunicación perefectamente válido para a transmisión de calquera tipo de coñecemento. Participaron nela 130 rapaces e rapazas de 3º, 4º ESO e 1º e 2º Bacharelato.








martes, 3 de novembro de 2015

VI DÍA DA CIENCIA EN GALEGO NO IES ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ


Chega a sexta edición da Xornada da Ciencia en Galego. Organizada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística, neste ano achegaranos unha videoconferencia do Doutor en Ciencias Biolóxicas e profesor da Universidade da Coruña, Xurxo Mariño.
Nesta ocasión o prestixioso profesor e conferenciante falará sobre A MÁQUINA QUE CONSTRÚE A MENTE E A REALIDADE.



Na actividade participarán máis de 100 centros educativos de toda Galicia, sumando miles de rapaces e rapazas que se achegarán unha vez máis á ciencia no noso idioma. Aí están os lugares e centros que seguirán a videoconferencia.

xoves, 29 de outubro de 2015

A PRAIA DOS AFOGADOS NA AGASP

O pasado martes o alumnado de 3º, 4º, 1º e 2º Bac, tivo a ocasión de asistir á proxección do filme galego, recén estreado, A PRAIA DOS AFOGADOS, baseado na novela homónima de Domingo Villar. A actividade, na que participou tamén o alumnado do IES nº 1, tivo lugar no Auditorio da Academia Galega de Seguridade Publica. A actividade foi organizada polo EDL Losada, Depalrtamento de Galego e Biblioteca.

A comitiva atravesando a carballeira

Comezamos

 Foto Faro de Vigo/Noelia Porta

 Rematamos
















martes, 15 de setembro de 2015

BENVIDO CURSO 2015-2016

Hoxe deron comezo as clases do curso 2015-2016. Benvido o curso e benvidos e benvidadas todas.
Esta primeira entrada vai para os/as docentes especialmente, aínda que todos e todas podemos tirar proveito deste recurso. Trátase do calendario escolar editado pola Coordinadora Galega de ENDL, que se complementa con numerosos documentos de moita utilidade para a vida docente.

Podes descargalos picando nesta imaxe:
http://www.coordinadoraendl.org/limiar.php?pax=rec_calendario.php


luns, 15 de xuño de 2015

Xa está aquí ELOGHO? 2015

Xa podes disfrutar da túa revista. Elogho? 2015 para ler e gozar. En papel ou na túa pantalla.


 A portada


Para leres e descargares

domingo, 14 de xuño de 2015

A cantar co IES Antón Losada

Unha nova gravación do Coro do Losada. Interpretan varias pezas tradicionais e populares galegas, dirixidos por Chelo Millán. Colaboración entre o Departamento de Música e o EDL Losada.

luns, 1 de xuño de 2015

as fotos do obradoiro de poesía con María Lado

O pasado martes, 26 de maio, tivemos dobre sesión de poesía con María Lado. A poetisa de Cee participou, en primeiro lugar nunha sesión co Club de Lectura na que alumnado e profesorado tratou de demostrar as súas habilidades poéticas, ante os entretidos retos de María.



Máis tarde, con todo o alumnado de 2º de ESO, e nunha actividade na que colaboraba o EDL do Losada, a poetísa conseguiu atraer a atención dos máis de 80 rapaces e rapazas, e tirar das mesmas a súa mellor vea literaria con divertidas actividades poéticas.











sábado, 30 de maio de 2015

As fotos do Correlingua 2015.

Unha fermosa mañá de sol acolleu a máis de mil rapaces e rapazas da Estrada, Forcarei e Silleda que celebraron o Correlingua. E a pancarta do Losada, trunfou.

As mellores fotos:

 Saída do IES Antón Losada

 Grupo de gaitas do Losada e do Número Un

 Lectura colectiva do manifesto

 Marcos Borrageros lendo un texto da súa autoría

 Actuación de Bocinazo

 Antía e Laura, de 4º, recollen o diploma e os agasallos

 A pancarta do Losada destacou no Correlingua



















martes, 26 de maio de 2015

Letras galegas 2015. Clube de lectura e Obradoiro de poesía.

Este martes, 26 de maio, a poetisa María Lado dirixirán dous obradoiros de poesía, un co Club de Lectura (ver cartel) e outro cos grupos de 2º da ESO, ás 16,30, unha actividade organizada conxuntamente entre o Club de Lectura, a Biblioteca e o Equipo de Normalización. Ambos obradoiros celebraranse na biblioteca.
Blog do Club de lectura: Retelladores do Galiñeiro



luns, 25 de maio de 2015

O IES ANTÓN LOSADA NA II Festa das Palabras

Hoxe martes 26 de maio, ás 20:30 h, o Teatro Principal da Estrada acollerá a celebración da II Festa das Palabras. Traballando Xuntos. No mesmo entregaranse os premios aos 60 rapaces e rapazas gañadores nas diversas categorías do Concurso de Micropoemas e Microrrelatos. Os dez centros educativos do concello estarán representados en todas as categorías. O premio consistirá no libro en que se recollen os traballos premiados. O IES Antón Losada Diéguez estará representado cos premiados en todas as categorías: Uxía Rodríguez, Lorena Rodríguez, Julen Vila, Antía Sala, Agustín Vázquez e Cristina Núñez. Así mesmo, os encargados da presentación desta festa serán María Bastida e Marcos Borrageros, de primeiro de Bacharelato e alumnos do noso centros. A Festa contará coa presenza da escritora Fina Casalderrey, que será a madriña do acto. A nota musical será posta polo cantautor marinense Samu. A Festa está organizada polos Equipos de Dinamización Lingüística dos Centros de Ensino da Estrada.

 Cartel da Festa (Rosa de Cabanas)

Presentación da Festa e do Libro (foto Cultura, Concello)

 Premiados e premiadas do IES Antón Losada Diéguez











Así se fixo... nun minuto. O video da pancarta QUÉROTE NA MIÑA LINGUA

Nun minuto. Que o desfrutes

domingo, 24 de maio de 2015

IMOS AO CORRELINGUA

Hoxe luns, terá lugar polas rúas da Estrada o Correlingua, que foi suspendido o pasado día 8 pola chuvia. Alá imos coa nosa pancarta.


LETRAS GALEGAS 2015. Teatro no Losada.

Eleuterio recuperou o sorriso. Este é o título da obra de teatro representada polo grupo de teatro de 6º do CEIP de Figueiroa que o pasado venres 22 representou no Salón de Actos do IES Antón Losada.
O público, que enchía o auditorio, premiou cunha prolongada ovación o traballo dos rapaces e rapazas de Figueiroa, futuros alumnos/as do Losada, que ademais pasaron unha mañá divertíndose polas dependencias do Centro.




xoves, 21 de maio de 2015

CONCERTO DE "NAI" NO LOSADA

Hoxe pola mañá o alumnado do Losada asistente ao Concerto das Letras, a cargo do trio NAI non puido resistir a tentación e rematou bailando ao son dos ritmos tradicionais e propios desta estupenda formación, da que fai parte o ex-alumno do Losada, Fofi Martíns. Marcos e Patricia, os outros compoñentes, tamén deixaron boa mostra da súas cualidades musicais. 
Letras populares do cancioneiro galego e portugués, xunto con outras de creación propia fixero as delicias do auditorio, que ovacionou especialmente a actuación da gaiteira de 4º, Inés Bugallo, que subiu ao escenario para tocar dúas pezas, convidada polo grupo.

O concerto rematou con gran parte do público bailando no Salón de Actos do Losada.