venres, 20 de novembro de 2020

Mostra de ilustracións dos personaxes do SCÓRPIO no Losada, por Rosa de Cabanas

Letras Galegas 2020 no Losada

A deseñadora estradense, Rosa de Cabanas, expón as súas ilustracións de Scorpio, de Carvalho Calero no IES Losada Diéguez.

Desde hai uns días e ata a finais da semana que ven, o remozado corredor da biblioteca do Losada acolle a mostra de ilustracións realizada pola deseñadora ouzandesa. A mesma componse de 34 ilustracións centradas nos 34 personaxes que constitúen as voces narrativas da novela do autor ferrolán, homenaxeado neste atípico ano das Letras Galegas. A orixe do proxecto da ilustradora tivo lugar no traballo realizado para a Através editora que realizou unha edición especial para este ano das Letras.

A mostra completouse coa visita que a autora realizou hoxe ao centro, para explicar ao alumnado de 2º de Bacharelato, lector da novela, os pormenores e segredos do seu traballo ilustrador.

A actividade estivo organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua galega e pola biblioteca do centro.

Aí quedan algunhas imaxes:






xoves, 19 de novembro de 2020

Celebramos o Mes da ciencia en galego no Losada. (I)

 O pasado luns, 16 de novembro, celebramos a primeira actividade de celebración do Mes da ciencia en galego. O alumnado de 1º Bacharelato participou na videoconferencia da prestixiosa neurocientífica galega, Sonia Villapol, que nos falou desde o seu centro de traballo en Houston de que "Só a ciencia nos rescatará da pandemia". Magnífica charla que foi seguida con moita atención por todo o alumnado.

A científica galega forma parte do Equipo de Investigación Internacional da COVID-19.

Aí quedan algunhas imaxes do evento nas aulas de 1º BAC, así como o vídeo da charla.






domingo, 15 de novembro de 2020

O tapiz de Rosalía no Losada

 Xa loce no vestíbulo do noso centro o fermoso tapiz de Rosalía, realizado polas mulleres do Colectivo Feminista  Deza-Tabeirós que deciciu homenaxear á nosa escritora deste xeito tan orixinal.

Utilizaron técnicas como o gancho, calceta, bordado, patchwork ou debuxo. Trataron de reflectir todo o univeros de Rosalía: as paisaxes, as viúvas de vivos e mortos, o feminismo, a xustiza pola man, a xanela que pediu abrir para ver o mar na hora da súa morte e mesmo chegaron ao firmamento colocando a estrela co seu nome.

O traballo está sendo visitado polos diferentes grupos do centro e conta como guía á nosa alumna de 2º de Bacharelato, Andrea Mosteiro Sanxiao. (Traballo de Andrea sobre o tapiz)

A actividade faise en coordinación cos EDLG dos centros educativos da Estrada (Dinamizaestrada)