O próximo domingo, 28 de xaneiro, a aula de teatro do IES Antón Losada Diéguez, Avelaías Teatro, porá en escena o espectáculo teatral UNHA AVELAÍÑA CHAMADA LEDICIA, ás 18:00 horas.Trátase dun espectáculo coral que está composto por oito
historias que se vertebran a través da fascinación que produce no ser humano a fantasía. Os títulos
destas oito creacións colectivas son:
1.
Viaxe ao cero.
2.
Alicia.
3.
Vendedoras/-es de estrelas.
4.
A dirección do nariz.
5.
Un estraño bosque gris.
6.
Non podo durmir.
7.
Unha avelaíña chamada…
8.
O rei de Litonia.
A través desta viaxe ao
proceso creador, o espectador participará nunha defensa acérrima dos valores que
propicia o xogo, o traballo en equipo e a lectura como fonte de enriquecemento
e crecemento persoal. Os personaxes deste espectáculo defenderán nestas
historias creadas por eles mesmos valores como a paz, o respecto do
medioambiente, a igualdade de xénero, a admiración polas persoas maiores, a
valoración do mundo rural, a ollada esquecida dos desposuídos… como elementos
imprescindibles para vivir nun mundo máis feliz, onde habiten persoas máis
xustas, máis plenas e máis cultas.
Unha avelaíña chamada... Ledicia mergullará, por tanto, ao receptor no
interese pola lectura como ferramenta que fomenta valores como a igualdade, a
cooperación, o compromiso e a cultura da paz. Trátase dun espectáculo que
desborda optimismo e esperanza nun futuro mellor para a humanidade e onde se
aspira a que eses valores sexan unha realidade canto antes. Permítenos,
ademais, tocar ese soño cos dedos e establece
unha defensa das relacións baseadas na tolerancia e a solidariedade; aspira a
armar á poboación coa capacidade de diálogo e de entendemento; propugna un
modelo de xustiza e igualdade de oportunidades para todos e todas,
especialmente para aqueles seres humanos máis desfavorecidos.
Aí quedan unhas imaxes dos ensaios da obra, así como da representación no CEIP de Figueiroa o pasado mes de decembro.
Ningún comentario :
Publicar un comentario