mércores, 19 de outubro de 2016

A crónica do encontro musical e cultural co Hockerill Anglo-European College

Día intenso o do martes 18 de outubro, no IES Antón Losada. A música encheu a mañá no centro, grazas á visita dunha comitiva de case 50 persoas, alumnado e profesores do colexio Hockerill, especializado en ensinanzas musicais.

Arredor das 10 da mañá facían chegada en autobús, e foron recibidos polo profesorado organizador e pola Dirección do centro e polo alumnado do Coro.



A partir das 11, comezou no Salón de Actos o encontro musical. O Coro do Losada interpretou pezas do repertorio tradicional na nosa lingua. Estiveron acompañados polo grupo de música tradicional que fixo as delicias dos nosos convidados. Remataron bailando de xeito espóntaneo cos nosos rapaces e rapazas.




Como remate á benvida musical e cultural, proxectouse un vídeo elaborado polo Equipo de Audiovisuais do EDL Losada, en galego e inglés, sobre os aspectos máis salientables do noso Concello.

A seguir tivo lugar a esperada actuación da Big Band do Hockeril Anglo-European College, que fixo un percorrido por diferentes pezas da música contemporánea. A calidade interpretativa dos rapaces e rapazas de Hockerill non deixou indiferentes aos asistentes, que aplaudiron cada peza de xeito entusiasta. O concerto rematou co intercambio de agradecementos despois dunha magnífica sesión de encontro musical.


Ao mediodía, a comitiva do Hocckerill College, acompañada dun grupo de alumnos e alumnas de Bacharelato do Losada, dirixiuse ao adro da parroquia de Ouzande, onde compartiron a hora do xantar, á que seguiu unha visita guiada á Igrexa Románica de Ouzande. Esta  rematou coa inesperada e magnífica interpretación por parte dun Coro formado por alumnos e alumnas do Hockerill, dunha peza polífonica do século XVIII dentro do templo ouzandés, que emocinou aos presentes pola súa fermorsura e calidade.

A tarde rematou cun relaxado paseo pola contorna da Fervenza de Ouzande e os seus Muíños.





A actividade foi organizada polo Departamento de Música do IES Losada Diéguez, e contou coa colaboración do Dto. de Inglés, do EDL Losada, e da AC A Fervenza de Ouzande.

Ningún comentario :

Publicar un comentario