xoves, 5 de novembro de 2015

EXITOSA VIDEOCONFERENCIA DE XURXO MARIÑO NO VI DÍA DA CIENCIA EN GALEGO



Con motivo da celebración do VI Día da Ciencia  en Galego a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística promoveu unha videoconferencia vía web na que o coñecido profesor da Universidade da Coruña, e recoñecido divulgador da ciencia para todos os públicos, Xurxo Mariño, expuxo de xeito ameno todas as cuestións relativas á poderosa máquina que temos nas nosas cabezas.
Baixo o título de A MÁQUINA QUE CONSTRÚE A MENTE E A REALIDADE o afamado científico galego, autor de varias publicacións e promotor dos Cafés científicos e dos Discurshows, disertou sobre todo o que somos cada un de nós, o que percibimos, o noso "eu", as emocións cotiás, todo iso é unha construción elaborada por unha máquina que levamos dentro do cranio: o encéfalo. Aí dentro temos miles de millóns de células, as neuronas, que utilizan a electricidade para comunicarse entre elas e, dese xeito, crear a mente e a realidade. Como funciona esa máquina da mente? A onde vai o "eu" cando durmimos? Poden construírse máquinas artificiais que teñan mente?
Tamén respondeu a numerosas e interesantes preguntas que tiveron ocasión de facerlle, vía twitter, os máis de 6000 alumnos e alumnas de máis de 100 institutos de Galicia que participaron simultaneamente na video conferencia realizada en directo desde a Universidade da Coruña. 



Mesmo contestou, de entre as centos de preguntas recibidas, unha realizada por dúas alumnas de 4º de ESO, Laura e Alanis, que cuestionaron sobre a sensación que ás veces temos as persoas de ter algo vivido noutra ocasión (o "déjà vu"). Os soños, a curación de enfermidades neuronais, a realidade virtual,... foron outros temas aos que o relator deu cumprida resposta.



A actividade cumpriu o obxectivo principal de achegar ao alumnado á cuestións de relevancia científica, no noso idioma, como vehículo de comunicación perefectamente válido para a transmisión de calquera tipo de coñecemento. Participaron nela 130 rapaces e rapazas de 3º, 4º ESO e 1º e 2º Bacharelato.








Ningún comentario :

Publicar un comentario